+034 986 09 02 04 Sábado 23 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba a instalación de oito novas empresas no viveiro de Barro-Meis


Os negocios ocuparán seis naves e cinco oficinas do viveiro, que xa ten unha ocupación de máis de 60 por cento

A Comisión de Selección da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a instalación de oito novas empresas no viveiro de empresas de Barro-Meis, propiedade da institución provincial, que pasarán a ocupar un total de seis naves e cinco oficinas deste espazo. Deste xeito o viveiro, acollerá un comercio ao por menor de produtos alimenticios en establecemento, unha empresa de venda de tratamento de augas, un negocio dedicado á captura, explotación, proceso e comercialización de produtos invertebrados do mar, ou unha empresa de deseño e fabricación de compoñentes de aluminio

Ademais, tamén se incorporan un comercio exterior de importación e exportación de peixes e mariscos, un negocio de servizos técnicos de enxeñaría, asistencia métrica e posta en valor en sectores como o patrimonio naval, cultural, obra civil e industrial, un comercio de restauración estética e recuperación de vehículos, e por último, unha empresa de xestión e tramitación de subvencións e licitacións públicas a pequenas e medianas empresas.

O viveiro de empresas de Barro-Meis conta con 16 naves, 24 oficinas e 3 espazos de coworking con capacidade para 12 postos de traballo. Con estas novas solicitudes, que se suman ás aprobadas con anterioridade, as taxas de ocupación doviveiro son do 62,5% no caso das naves e do 58,3% en canto ás oficinas. Como sinalou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “seguimos avanzando na ocupación dese espazo que vai ser un elemento de desenvolvemento económico, de creación de empregos”.

Lembramos que o pasado mes de outubro a Deputación de Pontevedra decidiu baixar o prezo destes espazos ata máis da metade co obxectivo de “facer un esforzo para que as naves e oficinas dos viveiros sexan máis atractivas para a instalación de novas empresas, autónomos, pemes e persoas emprendedoras”, sinalou a Presidenta provincial no momento do anuncio, que engadiu que “estes novos prezos públicos son o resultado de estudos e análises serios sumados ó esforzo que estamos a facer para impulsar o emprendemento como motor do desenvolvemento económico e social da provincia de Pontevedra”.

Deja un comentario