+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

O Concello de Ponte Caldelas aproba definitivamente os seus Orzamentos para 2017


O Pleno aproba por unanimidade a moción pola que se solicita a creación dunha base de ambulancias para atender aos concellos do Verdugo-Oitavén

O Pleno de Ponte Caldelas aprobou hoxe definitivamente o Orzamento municipal para 2017, cun importe global de 3.386.422,52 euros. As contas, que xa foran aprobadas inicialmente o pasado mes de decembro, culminan agora a súa tramitación, convertendo así a este municipio nun dos primeiros de Galicia en poñer en marcha os seus Orzamentos.
O documento parte da filosofía de consolidación da posición económico-financeira do Concello, continuando na liña da redución da débeda de un millón de euros, herdada do anterior Goberno municipal, ata deixala ao remate do exercizo en 588.000 euros.
As contas municipais municipais para este ano cumpren con toda a normativa estatal sobre estabilidade orzamentaria e regra de gasto, un dato que se suma ao respecto aos prazos sobre morosidade. O Goberno local, formado polos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, recalcou que a redución de débeda faise ao mesmo tempo en que se reducen as taxas e impostos aos veciños, como sucede coa introdución de bonificacións nos recibos da auga e de vehículos. O PP votou en contra.
Finalmente, os Orzamentos foron defendidos polo seu acento social, que leva a incrementar as partidas de emerxencia social nun 25% situándoa en cifras que xa case dobran ás existentes anteriormente, así como a aposta pola política cultural, un capítulo no que o Goberno local vai reforzar a súa actuación remarcando os potencial dun municipio que pode “vender” paisaxe, gastronomía, festas populares e oferta deportiva.
Por outra banda, o Pleno de Ponte Caldelas aprobou por unanimidade a moción presentada polo Goberno local pola que se insta á Xunta de Galicia a crear nesta localidade unha base para servizo de ambulancia asistencial 24 horas, dando así cobertura de calidade a toda a bisbarra do Verdugo-Oitavén e nomeadamente o territorio dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e a zona interior de Soutomaior.
Na exposición de motivos destácase que esta zona do interior da provincia padece especialmente as carencias derivadas do déficit dotacional que hai na área asistencial de Pontevedra. Os colectivos profesionais de técnicos en emerxencias sanitarias xa teñen demandado o reforzo do parque de ambulancias pontevedrés, actualmente composto por unha ambulancia medicalizada e dúas asistenciais, coa reclamación dunha terceira ambulancia asistencial.
“A diferenza entre a vida e a morte ao falar dun servizo como son as emerxencias sanitarias radica na cobertura cuns medios acaídos, ben implantados no territorio, ben dotados de medios humanos e materiais e, sobre todo, cuns tempos de resposta reducidos”, explica a moción.
O texto engade que os problemas derívanse da escaseza de recursos, pois as dúas ambulancias asistenciais existentes atenden máis de 100 servizos semanais e superan os 5.000 servizos ao ano. Tan é así que non resulta extraño que á bisbarra do Verdugo-Oitavén se teñan que desprazar ambulancias procedentes doutras áreas diante do colapso que se xera na de referencia.
O Goberno local de Ponte Caldelas impulsou hai poucos días unha xuntanza cos directivos da Asociación de Técnicos de Emerxencias de Galicia (Asgate) e de Xestores de Emerxencias (Tesgalicia) e na que participaron concelleiros dos municipios afectados. Na xuntanza quedou claro que o servizo que se está a prestar non é de calidade e que situar unha ambuncia en Ponte Caldelas reduciría os tempos de atención en toda a área nunha media de 30 minutos.

Deja un comentario