+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

A Xunta facilita o primeiro achegamento da mocidade de Cuntis ao eido laboral a través do programa ‘Deseñando o teu futuro’


Un grupo de 30 mozos e mozas, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, tomaron parte nesta experiencia formativa que consistiu en estancias – visitas de 15 días de duración en empresas e entidades 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou na entrega dos diplomas acreditativos aos 30 mozos e mozas participantes no proxecto promovido polo Concello de Cuntis no marco da convocatoria do 2016 do programa ‘Deseñando o teu futuro’ e que contou cun orzamento de 5.700 euros. O acto tivo lugar no centro sociocultural e xuvenil José Raído ‘Patelas’.

‘Deseñando o teu futuro’ trátase dunha iniciativa piloto de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación da mocidade galega ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estancias – visitas en distintos sectores das empresas.

O proxecto impulsado polo Concello de Cuntis contou coa colaboración da Asociación de Hostalería e Turismo deste municipio pontevedrés, a ANPA O Baño, Cuntis Comercial Vila Aberta e Caldas Centro Comercial Aberto. Os 30 mozos e mozas participantes, 14 mozos e 16 mozas, realizaron as súas estancias – visitas de 15 días de duración, cunha xornada diaria de 6 horas, en empresas de diversos sectores: hostalería, comercio, educación, información e comunicación, entre outros.

En concreto, as empresas da comarca na que os participantes neste programa realizaron a súa estancia – visita foron: Gago calefacción, fontanería e gas, S.L., Mapfre Cuntis, Pastelería Delicias de Cuntis, Cervexería A Bolera, Perruquería Lourdes, Mi Vestidor Azul, Perruquería Isabel, Louzao, S.L., Bar O Traspaso, A Fontiña, Pensión Cafetería, Floristería Xunco, Inforconstela, Café Bar O Paseo, Cuntis Motor, Souto y Canay, S.C, Mecano Hidráulica escenarios, S.L., Laura Sande estilista, Café Bar Sete Camiños, Calzados Mapi, Alimentacioón Ameixeiras, Foxos, S.C, Ferro&Campos, Comercial Abomar, S.L., Escola Infantil Pequenechos, Agrícola El Horreo, Mercería Ana, Bar Restaurante Cuntis Don Manuel, S.L., O Parladoiro, Panadería Escariz, Mi Pequeño Salón, Chocosport S.L., Fundación Terra Termarum Castrolandín, A tenda da Ponte, ene-A fotógrafos, Café Bar Chelsea, Agros Enxenería Agrícola, O Rincón das Burgas e Termas de Cuntis, S.L.

Cecilia Vázquez reiterou o seu agradecemento ás entidades e empresas colaboradoras, que participaron no proxecto de maneira desinteresada, permitindo que os mozos e a mozas vexan enriquecida a súa formación e se acheguen ao mundo laboral do que formará parte no futuro. Así mesmo, a directora xeral sinalou que no marco deste programa no 2016 se financiaron 13 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitaron que un total de 351 mozos e mozas realicen estadías – visitas en empresas. “ Esta iniciativa ofrécelle aos mozos e mozas alternativas para aprender, fomenta o seu autocoñecemento e os motiva tanto para a continuación da súa formación como a actualización de competencias e habilidades”, apuntou.

Neste sentido, a titular autonómica de Xuventude, Participación e Voluntariado manifestou que Deseñando o teu futuro “ofrece os mozos e mozas unha inmersión nun terreo de traballo, con especial fincapé na parte educativa e de aprendizaxe”. E, ao fío disto, engadiu que este programa “é unha ferramenta que lle axuda a completar o seu proceso de orientación vocacional e profesional; unha ponte de conexión co mundo laboral que ademais fomenta a súa autoestima, a iniciativa, o traballo en equipo, a toma de decisións, a responsabilidade”.

Por último, Cecilia Vázquez lembrou que a participación neste programa xera o dereito a expedición do certificado de experiencias de educación non formal, que permite validar as competencias e darlle visibilidade aos coñecementos, habilidades e formación derivados desa participación, en tanto que contribúen ao desenvolvemento persoal dos participantes, enriquecen o seu currículo vital e favorecen a participación activa na sociedade

En `Deseñando o teu futuro’ as estadías-visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e se establece unha xornada mínima diaria de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 30. A cantidade subvencionable a cada entidade e concello calculouse a razón de 6 euros por participante día para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías – visitas.

Deja un comentario