+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

O PP de Cuntis en contra da moción aprobada polo Goberno Local na que pretenden suprimir os símbolos relixiosos nos espazos públicos


Á pregunta ¿que vai pasar cos cruceiros ou co Monumento do Sagrado Corazón do monte de Maráns?, o concelleiro do BNG respondeu que por el xa estaría tirado.

No último pleno celebrado en Cuntis, o Goberno Local aprobou, co voto en contra do Partido Popular, unha moción presentada polo único concelleiro do BNG, e que contou cos votos a favor de PSOE e Veciñanza e que segundo o voceiro popular, Antonio Pena, afectará a moitos dos costumes e tradicións de Cuntis.

Por poñer algún exemplo, entre os acordos tomados figuran a supresión dos símbolos relixiosos nos espazos públicos que dependan do concello, non convidar aos representantes eclesiásticos en calidade de autoridade pública a actos civís, os membros da Corporación non se encomendarán a santorais, imaxes ou ritos relixiosos ou non se cederán locais públicos a organizacións relixiosas…

Antes estas propostas o voceiro do Partido Popular preguntou no pleno que ía pasar cos cruceiros ou co Monumento ao Sagrado Corazón do monte de Maráns, a resposta que recibiron do concelleiro do BNG era que se fora por el xa estaba tirado.

Pena preguntou ademais que ocorrería se Cáritas precisara un local a maiores do que xa ten para a representación dunha obra teatral benéfica, por exemplo, pregunta que non respondeu ningún membro do Goberno local.

Tampouco recibiron resposta á pregunta ¿Que pasa se morre un veciño que non ten medios para ser enterrado? Que tipo de enterro se lle faría?

Descoñécese tamén se a partir de agora as festas dos Dolores ou as demais van poder optar ás subvencións de libre concorrencia por ser festas de carácter eminentemente relixioso ou se se vai responder á invitación que a Garda Civil fai cada ano á misa na honra da súa patroa.

Segundo a moción aprobada suponse que tampouco se poderán celebrar as charlas sobre a Monxa do Penedo, nin se van poder dar subvencións a bandas de música, corais ou gaiteiros que toquen na celebración das misas.

Un dos puntos da moción di “O Concello, no marcos das súas competencias en materia de Educación, velará pola laicidade das ensinanzas impartidas nos itinerarios oficiais, dentro dos centros educativos de titularidade pública. Os centros propios do concello ofrecerán unha ensinanza laica”, segundo isto, Antonio Abal pregunta quen é o Concello para dicirlle ao profesorado como deben dar as clases e pregunta que vai pasar cos profesores de relixión, que os vai botar o Concello?

O PP considera un despropósito a moción aprobada polo Goberno local ao non respectar as tradicións da vila e moito menos a liberdade de pensamento dos seus veciños.

“Perder o tempo en mocións que saben que non van poder levar a cabo na súa totalidade co único fin de chamar a atención, moléstalles os símbolos relixiosos nos espazos públicos pero non se preocupan dos problemas que realmente lles afectan aos veciños”.

Deja un comentario