+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

Ponte Caldelas celebrará o Martes de Entroido cunha gran festa de disfraces nos locais da discoteca Reivi


A entrada será gratuíta e os asistentes gozarán da animación musical dun disc-jockey e a actuación do Mago Marco

O martes de Entroido, a partir das 17 horas, Ponte Caldelas celebrará o Entroido cunha gran festa de disfraces nos locais da discoteca Reivi. O Concello chamará ao evento “Entroido en Familia” porque está pensado para nenos e maiores, aos que anima a acudir convenientemente disfrazados e dispostos a participar na troula.
A xornada do martes, 28 de febreiro, incluirá animación musical a cargo dun disc-jockey e a actuación do Mago Marco. Sen embargo, o ingrediente principal será a diversión e a ledicia típicos destas datas.
O Goberno local caldelán, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, optou por alugar os locais da discoteca Reivi para este evento, asegurándose así a súa celebración nunhas condicións axeitadas, con independencia das condicións meteorolóxicas e a salvo de posibles suspensións.
Por outra banda, como xa se informou, o Concello de Ponte Caldelas apostou por trasladar o desfile do Entroido ao mes de xuño coa intención de convertelo nun evento de verán e prolongar a celebración durante todo o serán ata culminalo cunha gran verbena ata altas horas da noite.
A intención é maximizar o impacto desta celebración, que xa tivo serios problemas nos últimos anos por mor do mal tempo no mes de febreiro, con frecuentes aprazamentos e serias dificultades para o seu desenvolvemento por mor do frío e a choiva nesta época do ano.
Deste xeito o Concello de Ponte Caldelas fai unha dobre oferta coa programación de Entroido deste ano, desdobrando a celebración nas habituais datas de inverno e introducindo tamén unha oferta novidosa para o comezo do verán. Unha novidade que servirá para impulsar a proxección turística do municipio e maximizar o retorno socioeconómico.

Deja un comentario