+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra entrega os premios “Sofía Novoa Ortiz” á inclusión da perspectiva de xénero en traballos da Universidade de Vigo


 

Carmela Silva fixo entrega na Casa da Cultura Galega de Vigo dos dous premios de 1.000 € e un accésit de 600 € nas categorías de traballos de fin de grao e de máster

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, fixo entrega dos primeiros premios “Sofía Novoa Ortiz” convocados pola institución provincial para galardoar a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster e impulsar o estudo e a investigación en materia de igualdade. Neste contexto, Carmela Silva manifestou que “a igualdade repercute en beneficio do progreso e do benestar do conxunto da sociedade polo que é fundamental promover que dende o coñecemento, a investigación e a análise universitaria se incorporen os seus principios”.

Silva agradeceu a elevada participación nos Premios Sofía Novoa Ortiz, “cun total de 22 traballos presentados, once para cada unha das dúas categorías: fin de grao e máster” e aproveitou a ocasión para recordar os principais fitos da vida de Sofía Novoa Ortiz e o que supuxo esta muller pioneira para o acceso ó sistema universitario das mulleres, “chegando ata dirixir un centro con capacidade para albergar ata 71 mulleres para que puidesen estudar e converterse en mulleres vangardistas, profesionais e independentes”.

Pola súa banda Isaura Abelairas foi a encargada de dar lectura ao fallo do xurado dos galardóns, aos que foi candidato o alumnado dos campus de Vigo e de Pontevedra da Universidade de Vigo, que estivo presidido pola deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra e integrado pola deputada de emprego, Montse Magallanes, a profesora de didáctica das ciencias experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo en Pontevedra María Álvarez Lires e a profesora de filosofía na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense Purificación Mayobre, ademais da xefa e unha técnica do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

En concreto, e na modalidade de traballo de fin de grao, outorgáronse dous premios de 1.000 € aos traballos de Laura Serén García (de Pontevedra) e Cristina Gandón Villar (de Cangas), respectivamente “A asemblea como recurso educativo para fomentar a igualdade entre os sexos na educación primaria” e “El lenguaje icónico en los libros de texto desde una perspectiva de género y su evolución desde EGB hasta Primaria” ademais dun accésit de 600 € para “Impacto psicosocial en la mujer mastectomizada: rol de enfermaría”, traballo de Carla Novo (de Vigo).

Pola outra banda, os traballos de Lucía Pereyra García (de Pontevedra) e Isabela Andrés Alonso (de Ourense), isto é, “Evolución da linguaxe non sexista e papel da muller en dous libros de texto de historia (1989 e 2015)” e “There are no ugly women, only lazy ones”, foron os que levaron os dous premios de 1.000 € na modalidade de traballo fin de máster e, xunto a eles, o accésit de 600 euros foi outorgado a “Igualdad de género: un análisis longitudinal de las imágenes en los libros de enseñanza secundaria obligatoria y el bachillerato unificado polivalente”, de Andrea Álvarez Rodríguez (de Vigo). Isaura Abelairas asegurou que todos os traballos foron premiados por unanimidade, con diferenzas mínimas de un ou dous puntos nas puntuacións de cada unha das integrantes do xurado.

A entrega dos Premios Sofía Novoa Ortiz serviu tamén para renderlle unha homenaxe a esta muller pioneira pero esquecida pola historia e cuxa memoria comezou a ser recuperada recentemente grazas aos estudos elaborados por Carmen Losada –quen tamén interveu na entrega de premios- Leticia Sánchez, Ricardo Gurriarán, Elvira Melián… Nesta homenaxe recordouse o ingreso de Sofía Novoa Ortiz, aos 17 anos, na “Residencia de Señoritas” de Madrid, dependente dunha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX (a “Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas”), na que Novoa impulsou un ambicioso e pioneiro programa educativo a través do cal posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres. Tamén se repasou o seu exilio en Estados Unidos dende que estalou a Guerra Civil ata o ano 1967, período no que tan so regresou a España en 1949 para defender a súa tese en Madrid.

Deja un comentario