+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

A mellora integral da avenida Luís Rocafort iniciarase o 1 de marzo


 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez e o alcalde de Sanxenxo acordaron un plan de traballo consensuado para parar as obras durante o verán
O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe que a mellora integral da avenida Luís Rocafort de Sanxenxo iniciarase o 1 de marzo. Así se acordou nunha reunión con representantes do concello na que se definiu o plan de traballo: a actuación executarase en dúas quendas cunha parada durante o verán. Nos tres primeiros meses realizarase a obra da beirarrúa da marxe esquerda ata deixala finalizada para garantir o tránsito peonil, logo deteranse os traballos en xuño e retomaranse o 15 de setembro coa beirarrúa da marxe dereita.

A obra de Luís Rocafort será adxudicada definitivamente na Xunta de Goberno da Deputación deste venres á UTE formada polas empresas Nexia-Oresa, que presentou unha oferta de 1.256.062,74 euros (cunha baixa do 23,9%). O proxecto supón unha mellora integral de toda a rúa, segundo explicou o deputado de Mobilidade, tanto porque implica a renovación do saneamento, pluviais, o soterrado das liñas aéreas de telefonía e electricidade, a instalación de novas luminarias e mobiliario urbano, como porque o ámbito de actuación se estendeu finalmente a toda a vía en lugar de deixar sen reformar o treito máis próximo á rotonda de Arnelas.

Benítez asegurou que Luís Rocafort “será exemplo de como se debe intervir nas vías dos núcleos urbanos establecendo unha prioridade peonil”. Asegurou que o novo proxecto cumpre cos criterios establecidos pola nova Deputación nos que se actúa para mellorar a calidade urbana e aumentar a seguranza viaria a favor das persoas e non dos vehículos, así como para cumprir cos criterios máximos de accesibilidade. O deputado lembrou que se instalará unha zona 30 que se completará con elementos físicos de redución da velocidade como poden ser plataformas elevadas e pasos de peóns sobreelevados.

A obra afectará a unha lonxitude de 570 metros (a totalidade) cunha superficie de actuación de 12.461 metros cadrados. Haberá beirarrúas de seis metros por cada marxe –con estreitamentos puntuais-; dúas liñas de estacionamento (de 2,35 metros de largo) coas zonas específicas para persoas con mobilidade reducida, bicicletas e motos; e unha plataforma central con 3,20 metros por carril. Finalmente o concello de Sanxenxo acadou nos últimos meses nove cesións de veciños que supoñen 838,55 metros de espazo público.

En canto á imaxe estética da avenida, Benítez salientou que se mellorará substancialmente a iluminación prevista no proxecto anterior, coa instalación de 64 luminarias de 7 metros de altura que terán un deseño propio para Sanxenxo. Así mesmo, as 52 árbores que se plantarán serán finalmente xacarandás en lugar de palmeiras. A decisión de substituílas debeuse á praga do picudo que está a afectar a toda a provincia.

Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, agradeceu o traballo da Deputación ao mudar o proxecto orixinal que o anterior goberno provincial tiña previsto para Luís Rocafort. “Grazas a coller esta obra a tempo non temos que lamentar un erro tremendo como podería ser non facer o treito ata a rotonda e facer un túnel. Iso sería un erro enorme. A segunda cuestión era que había que anular o anterior proxecto porque non estaban feitas as cesións dos terreos necesarios”, asegurou.

“Esta obra será un exemplo de modernidade cara onde van os ventos: vías que priorizan aos peóns e non os vehículos, o que si ocorrería se se tivese feito o túnel. Sen dúbida, esta obra será un punto de inflexión polas súas características e por onde está no concello”, subliñou Pita.

Finalmente, o dirixente provincial e o rexedor subliñaron que as obras pretenden crear as menos molestias posibles aos usuarios. Manterase a circulación rodada e, no caso de ter que cortar un carril, decidirase xunto coa Policía Local cal será a mellor dirección para permitir o tráfico. Así mesmo, a nova beirarrúa esquerda quedará construída antes do verán –agora apenas hai espazo para que os peóns se movan nesa marxe-, polo que coa chegada do parón estival a estrada dará a impresión de estar completa e “será un espazo digno para a veciñanza e os turistas”, segundo asegurou Benítez.

Deja un comentario