+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

O Concello de Ponte Caldelas asesora ás comunidades de augas na tramitación dunha subvención para a mellora das instalacións


O Goberno local completa a rede de apoio técnico ao asociacionismo local que xa comezara coas agrupacións veciñais, culturais e comunidades de montes

A creación dun tecido social sólido como base para a mellora da calidade de vida de toda a veciñanza de Ponte Caldelas é o obxectivo final da cadea de xuntanzas que o Concello mantivo coas asociacións de veciños, as culturais, deportivas ou de calquera índole, e as comunidades de montes. A rolda pechouse estes días coa asemblea mantida coas Comunidades de Augas, que abastecen a boa parte das parroquias do municipio.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) creou un departamento de apoio técnico para as asociacións coa intención de facilitarlles o soporte necesario para a súa regularización administrativa diante das Administracións e eliminar os obstáculos administrativos para o acceso ás liñas de subvencións existentes.
Un total de 22 entidades veciñais xestoras de traídas de auga participaron no encontro, que estivo presidido polo alcalde, Andrés Díaz, e contou coa presenza de varios concelleiros. O núcleo central da exposición estivo na convocatoria das subvencións para entidades veciñais por parte da Consellería de Presidencia, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 deste mes de febreiro. As axudas cobren infraestruturas veciñais de varios tipos, entre elas as traídas de augas. O importe máximo subvencionable para as obras neste apartado chega aos 12.000 euros.
As Comunidades de Augas precisan dun importante apoio para acceder a esta liña, pois esíxese tramitación telemática para a solicitude e a achega de documentación variada. A obtención do certificado electrónico para persoas xurídicas supón, deste xeito, unha complicación engadida tratándose de persoas que, na meirande parte dos casos, carecen da formación necesaria. Os técnicos municipais están a asesorar neste proceso.
A outra dificultade está na obriga de adiantar o orzamento necesario para as obras, posto que deben estar rematadas e xustificadas, coa achega das facturas, antes do 15 de outubro próximo.
Andrés Díaz afirmou que a introdución da Administración electrónica está a xerar problemas novos, toda vez que os trámites son especialmente complicados para certos segmentos de poboación. Por este motivo, indicou, o Concello de Ponte Caldelas optou por crear este servizo de apoio. A intención final é que non se perdan subvencións oficiais ao alcance das diferentes asociacións e comunidades do municipio.
“Se os nosos veciños contan cun apoio técnico e acceden a esas subvencións oficiais, estamos colaborando a fortalecer ese tecido social e a xerar orgullo e confianza”, afirmou.
O alcalde concluíu que cómpre facer unha reflexión profunda sobre os efectos que están a derivarse da tramitación telemática, “porque a lei de procedemento, sobre o papel, está ben, pero logo, na práctica, as cousas son distintas”. Agora, engade, requírense coñecementos informáticos que non están ao alcance de todo o mundo e que supoñen “un muro infranqueable” para a xente maior e para o ámbito rural.
Finalmente, Díaz Sobral criticou tamén a estrutura deste tipo de subvencións da Xunta de Galicia, porque obrígase a adiantar o importe da obra, algo que non sempre é posible, e que paradoxalmente beneficia ás agrupacións veciñais con mellor posición económica, “é dicir, xustamente aos que menos o necesitan”.

Deja un comentario