+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

López Font exíselle a Cores Touris que non engane á cidadanía e que a Xunta asuma dunha vez as súas competencias en materia de emerxencias “isto é o mundo ó revés”


 

O Grupo Provincial Socialista presentará no pleno da Deputación unha moción instando á Xunta a atender as reclamacións dos concellos polos danos dos temporais
O voceiro socialista na Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, esixiu hoxe ao delegado da Xunta, Cores Tourís que non engane á cidadanía e atenda as reclamacións dos concellos polos danos acontecidos tras os temporais da última semana. O deputado socialista lamenta que o delegado da Xunta use as súas visitas oficiais aos concellos afectados polos temporais para enganar aos veciños e veciñas, descargando a súa responsabilidade sobre a Deputación de Pontevedra, cando ten que ser a propia Xunta a encargada de restituír os danos causados polo vento e a chuvia.

Segundo Carlos Font “isto é o mundo o revés. Quen ten que poñer o diñeiro para repoñer os danos acusa aos demais de non facer nada, e ¿él que fai?”. Font mantén que a presenza de uralitas de fibrocemento, material tóxico prohibido na Unión Europea por conter fibra de amianto, en certas construcións en Galicia ten que ser abordado pola propia Xunta de Galicia cun plan para a súa retirada progresiva.

Recorda o deputado provincial que estes materiais pola súa condición de tóxicos non poden ser retirados e depositados nun “punto limpo” senón que teñen que ser tratados por unha empresa especializada. Font mantén que a Xunta é a competente, segundo a Lei de Emerxencias de Galicia , para o restablecemento dos servizos e a fixación de axudas ou subvencións para paliar os danos de situacións de catástrofe provocadas polos temporais. “Polo que dende o Grupo provincial imos presentar na Deputación unha moción para instar á Xunta a atender as demandas dos concellos polos danos causados polo vento e a chuvia e tamén para a retirada destes materiais tóxicos”.

O deputado lamenta que Cores Tourís use os problemas dos veciños e veciñas de Meis para a confrontación política ocultando a súa verdadeira responsabilidade para solucionar eses mesmos problemas.

Na moción, ademais de esixir unha solución ao problema das uralitas tóxicas, se pide á Xunta de Galicia que en coordinación coa FEGAMP, aprobe un protocolo de resposta, que estableza os mecanismos de atención e reclamación, ante calquera situación de emerxencia que se produza en Galicia. Tamén, exixe ó goberno galego una liña de axudas para dar resposta aos danos provocados polos temporais nos espazos e servizos públicos, e que estes sexan repartidos entre os concellos de forma obxectiva . O apartado da mellora das infraestruturas eléctricas nas parroquias dos concellos para evitar a caída do servizo e o asesoramento do Instituto Galego de Consumo aos usuarios para reclamar as compañías subministradoras son outros dos puntos desta moción.

Deja un comentario