+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

A Mesa de Contratación de mantemento de parques e xardíns e instalación do rego automático abriu esta mañá as ofertas das empresas licitadoras


Un total de dez presentáronse ao concurso que entra agora en proceso de valoración e emisión de informe técnico. A adxudicación definitiva e sinatura do contrato espérase que sexa nun prazo de 15 a 20 días
Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a Mesa de Contratación do servizo de mantemento de zonas verdes e instalación de rego automático. A Mesa estivo integrada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a secretaria e interventor municipais; e contou coa presencia tamén da enxeñeira do Concello e de representantes dalgunhas das empresas que se presentaron a concurso.
Presentáronse un total de 10 empresas e na Mesa de Contratación de hoxe procedeuse xa a apertura dos dous sobres das súas ofertas, o sobre A (con documentación xeral) e o sobre B (coa proposta económica e a memoria con documentación técnica).
O seguinte paso do procedemento a dar agora é o de valoración das devanditas ofertas e emisión do pertinente informe técnico, tras o cal a administración local emitirá unha proposta de adxudicación e a empresa adxudicataria terá que presentar a documentación requerida. Por último, a adxudicación definitiva será aprobada en Xunta de Goberno Local, tras a que ambas partes procederán á sinatura do contrato. Todo este proceso estímase que se prolongará un máximo de 15 a 20 días para que, tal e coma estaba previsto, a plantación do céspede previa instalación do rego automático, se atope rematada entre o 15 e o 31 de marzo.
A finais do ano pasado Arévalo, rexedora local mosense, xa anunciara que no orzamento municipal aprobado para 2017 incrementábanse certas partidas para mellorar servizos municipais tales coma o mantemento de zonas verdes e parques e xardíns, ao tratarse dunha gran demanda veciñal; e dende o Concello de Mos quíxoselle dar resposta aos veciños.
Deste xeito, priorizouse a instalación de rego automático en todos os espazos verdes. Tal foi a prioridade que se lle deu dende o Concello a estas melloras que, para que puideran ser iniciadas a principios de 2017 e todo se atope en perfectas condicións no mes de marzo, realizouse a tramitación anticipada da contratación das mesmas pero con cargo ó novo orzamento.
A duración do contrato da empresa que resulte ser a concesionaria será de dous anos con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro anos. O valor estimado do contrato para os catro anos é de preto de 300.000 euros, a razón duns 60.000 euros anuais. E o contrato de obras por instalación do sistema de rego automático ascende a 60.000 euros.
O prego de condicións establece as condicións técnicas esixibles para garantir a conservación dos espazos verdes e arborado, de xeito que os elementos contidos nestes se atopen en todo momento dentro duns parámetros de calidade óptimos para o gozo dos cidadáns.
Tal e como explicaron esta mañá Nidia Arévalo “o obxectivo deste contrato é que todos os labores de mantemento e reposición sexan aplicados en tempo e forma nas distintas zonas verdes do Concello e, como tal, o resultado ten que traducuirse nun aspecto impecable percibible polos cidadáns en todas e cada unha das zonas: parques, rotondas, isletas, arborado, fontes, etc.; co fin de conseguir que Mos dispoña dunhas zonas verdes sotibles, coa máxima calidade botánica, ornamental e de lecer”.
Os labores de conservación a realizar pola empresa concesionaria incluirán un programa de rego, resembra e sega anual, recorte e poda de arbustos e setos, aireación e escarificado das zonas de céspede, escarda, entrecavado e rastrillado mensual, limpeza e adecentamento, abonado e achegas de substrato, tratamento fitosanitario, perfilado, e labores de reposición de plantacións e de poda de árbores.
As zonas verdes municipais inventariadas e nas que a empresa realizará traballos de mantemento son un total de 103 repartidas nas 10 parroquias mosenses. E as zonas nas que se instalará o rego automático son 9: Parque da Auga en Sanguiñeda, Campo da Feira en Puxeiros, Centro de Saúde, contorno da Piscina de San Eleuterio, Parque da Porteliña, Parque de Castro-Mos, Cemiterio Municipal de Torroso, Parque de Torroso (xunto a ASODIFISI) e Parque da Lagoa en Cela. Mentres que o plan de axardinamento realizarase en 15 zonas: rotonda das leiteiras, rotonda de Pena de Francia, rotonda de Santiaguiño, isleta da Avenida de Sanguiñeda, rotonda do Cristo de Belén, rotonda do Campo da Feira, Parque da Auga en Sanguiñeda, Parque do Campo da Feira, Centro de Saúde, contorno da Piscina de San Eleuterio, Parque da Porteliña, Parque de Castro-Mos, Cemiterio Municipal de Torroso, Parque de Torroso (xunto a ASODIFISI) e Parque da Lagoa.

Deja un comentario