+034 986 09 02 04 Sábado 21 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación presenta en Fornelos de Montes ‘Camiño Aberto’, a compilación de materiais relativos ao centenario do nacemento de Lueiro Rey


Foi presentado esta tarde no Multiusos nun acto público encabezado polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e polo alcalde da localidade, Emiliano Lage
‘Camiño Aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey. 1916 – 2016’, editado pola Deputación con motivo da conmemoración do centenario do nacemento do autor, foi presentado esta tarde en Fornelos de Montes, nun acto público no que estiveron presentes o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde da localidade, Emiliano Lage, o coordinador do libro, Ramón Nicolás, e a coordinadora das actividades conmemorativas do centenario, Carmen Carreiro. Na presentación, Xosé Leal indicou que “Fornelos de Montes é un punto clave tanto na traxectoria de Lueiro Rey, por ser a terra na que naceu, como por ser tamén o cerne da coñecida como ‘a causa Lueiro’, que está a facer un traballo inmenso para reivindicar a súa traxectoria “. O deputado tamén fixo fincapé na faceta política do autor afirmando que “a súa traxectoria vital atópase marcada polo seu compromiso a prol das persoas máis desfavorecidas e na súa loita pola liberdade, levada tamén ao terreo político, un feito moi relevante para un home da cultura nunha época complicada como foi a do alzamento fascista e a posterior etapa franquista”. Xosé Leal parabenizou ao concello de Fornelos de Montes e ao tecido cultural da localidade pola convocatoria e mantemento no tempo do certame de poesía que baixo o nome do autor, e que xa leva XXIII edicións convocadas.
‘Camiño Aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey. 1916 – 2016’, coordinado polo escritor e crítico Ramón Nicolás, compila diverso material relativo ás actividades que durante o 2016 se celebraron con motivo deste centenario, e inclúe unha biografía vital e profesional do autor homenaxeado que se acompaña dunha ampla escolma de material gráfico.
O libro recolle o mesmo título que a exposición itinerante que durante o pasado exercicio percorrera diversas localidades da provincia, e que contara cun importante apoio por parte da Deputación. Comeza cun repaso cronolóxico da vida, obra e traxectoria de Manuel Lueiro Rey, e inclúe reproducións de portadas da súa obra e dalgunhas das súas colaboracións en prensa. Recolle ademais un apartado de ‘epistolario cos amigos’ no que se reproduce correspondencia con Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane. O libro complétase con citas e textos de escritores e lectores sobre Lueiro, e con reproducións de obra plástica inspirada na súa obra. Ademais da compilación dos materiais citados, o volume tamén inclúe achegas asinadas por Helena Villar Janeiro, Mercedes Queixas Zas, Marcos Abalde, Silvia Penas, Luís Cochón, Eli Ríos, Miguel Cuña, Ramón Rozas, e Xesús Alonso Montero, así como de representantes da Deputación, e dos concellos de Pontevedra e Fornelos de Montes.
Manuel Lueiro Rey, nacido en Fornelos pero enraizado en O Grove, foi unha figura relevante da denominada ‘Xeración do 36’, destacando nas súas facetas de poeta e xornalista. Actualmente tanto o concello de Fornelos de Montes como o de O Grove manteñen viva a súa memoria convocando sendos certames baixo o seu nome. No caso de Fornelos a través do ‘Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey’, e no de O Grove co ‘Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey’.

Deja un comentario