+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

Cores Tourís visita o CEIP San Tomé de Cambados para analizar a instalación dun futuro comedor escolar


O delegado da Xunta en Pontevedra asegurou que se trata dunha demanda da comunidade escolar deste centro e que a obra deberá executarse a través da colaboración co concello

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o CEIP San Tomé de Cambados para analizar o espazo que podería utilizarse para a creación dun novo comedor escolar que daría servizo a uns 75 alumnos.
Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como do equipo directivo e responsables da Anpa, e dos concelleiros do municipio, María Xosé Cacabelos e Luis Aragunde.
Dende a dirección do centro estímase que o lugar máis axeitado é antiga casa do conserxe, un espazo de 90 metros cadrados. “Hoxe viñemos a comprobar a zona elixida pola comunidade educativa porque sabemos que se trata dunha demanda deste colexio que permitirá a conciliación familiar y laboral. Agora teremos que comprobar custes e informes técnicos, aínda que, en principio, calculamos que a obra roldaría os 100.000 euros”, explicou Cores Tourís.
Neste senso, o delegado matizou que “se trata dun investimento moi importante para o que vai ser necesaria a colaboración do concello”. Neste senso, recordou que o próximo paso sería a firma dun convenio entre ambas administracións de cara a comezar ca redacción do proxecto de reforma. A este respecto, a concelleira María Xosé Cacabelos mostrou o interese do concello por colaborar na creación deste comedor.
En 2016 o CEIP San Tomé foi xa obxecto dunha importante reforma que permitiu mellorar os aseos do centro así como ampliar a biblioteca, nunha obra na que se investiron case 40.000 euros. “Neste senso, queremos agradecer a implicación do concello que tamén colaborou na consecución desta mellora. Agora agardamos que tamén colabore na reforma da casa do conserxe de cara a que o novo comedor sexa unha realidade para o próximo curso educativo”, engadiu o delegado territorial.
O delegado territorial aproveitou para recordar que a Xunta de Galicia investiu 1,5 millóns de euros nos últimos anos nos centros de Primaria e Secundaria deste municipio, “ao que agora temos que sumar o millón que se destinará a ampliación do IES Francisco Asorey, centro que será visitado en breve polo concelleiro de Educación, Román Rodríguez”.

Deja un comentario