+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Cores Tourís comprobou co alcalde do Rosal os danos causados polo temporal do pasado fin de semana


O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, demandou que a Deputación de Pontevedra volva a poñer en marcha as axudas para invernadoiros e explotacións agrarias afectadas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández, os danos causados polo pasado temporal neste concello.
A Xunta cifra en 5 millóns de euros os danos causados polo temporal nas instalacións e infraestruturas da súa competencia, como centros escolares, estradas de titularidade autonómica, escolas infantís, e os danos sufridos en varios portos galegos. “De feito, só na provincia de Pontevedra, a Consellería de Educación ten que asumir obras de emerxencia por case 600.000 euros”.

O delegado territorial recordou que os concellos máis afectados están a avaliar os danos e, en concreto, facer un informe sobre os danos producidos polo temporal, que posteriormente será remitido á Xunta. “Unha vez feito o balance o Goberno está estudando que medidas é preciso adoptar para reparar os danos. Para iso é importante a implicación e a colaboración de todas as administracións: Deputacións, Xunta e Estado”.
“E neste senso, seguimos a demandar a colaboración da Deputación de Pontevedra, xa que estamos a falar da institución que ten como función principal apoiar aos veciños dos pequenos concellos”, explicou Cores Tourís.
“É importante recordar que a Deputación de Pontevedra contaba, no anterior Goberno provincial, cunha liña de axudas para emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros para situacións como a vivida o pasado fin de semana”, engadiu o delegado territorial, quen volveu a pedir publicamente á presidenta da Deputación que recupere esta iniciativa “de xeito que, entre todos, poidamos darlle unha solución a estes veciños”.
Como exemplo, segundo apuntou Cores Tourís, en 2014 a Deputación provincial destinou 300.000 euros para paliar os danos sufridos no agro por situación de emerxencia en Pontevedra a través de esta liña de subvencións, ofrecendo unha axuda do 50% aos cultivos baixo abrigo ata un tope de 3.000 euros por explotación.
O delegado territorial recordou que a Deputación de Carmela Silva “xa tivo que rectificar no pasado ante a presión de diversos colectivos e recuperar liñas de axudas como as das cooperativas agrarias ou as confrarías de pescadores as axudas para as sementes ás mariscadoras”.
José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta, a través da Consellería de Presidencia, canalizou unha liña de axudas que permitiu colaborar con 28 concellos afectados polos temporais de 2016 que recibiron 1,6 millóns de euros para a reparación e mellora das súas infraestruturas e equipamentos públicos.
“Naquel entonces a Xunta arranxou as estradas autonómicas e, á vez, firmou un acordo na FEGAMP a tres bandas, na que participou a Deputación, co obxectivo de poder atallar os graves danos causados sobre infraestruturas municipais e aos que non podían facer fronte os pequenos concellos. A Deputación decidiu non asumir a súa parte e tivo que ser a administración autonómica a que asumiu a colaboración cos concellos en solitario”, rematou o delegado territorial quen volveu a insistir no feito de que “a señora Silva debe recordar que a institución que preside está para colaborar e axudar aos veciños dos pequenos municipios da provincia. Non debería esquecelo”.

Deja un comentario