+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación redactará un proxecto de mobilidade sostible para as dúas estradas provinciais que pasan pola parroquia de Caldelas en Tui


 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez comprometeuse hoxe co alcalde a asinar un convenio para financiar as obras
A Deputación de Pontevedra realizará un proxecto para mellorar a mobilidade das estradas provinciais Ep-3004 e EP-2505 que pasan pola parroquia de Caldelas no concello de Tui. Segundo anunciou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a intención é realizar obras que garantan unha maior seguranza viaria facendo convivir os tránsitos rodados cos peonís nunha zona residencial na que viven uns 1.000 veciños e veciñas.

Benítez así o manifestou nun encontro co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e co concelleiro José Martínez Tato. A actuación, segundo asegurou, roldará os 500.000 euros e suporá un proxecto integral de mobilidade sostible no que o calmado do tráfico, moi solicitado pola veciñanza, será prioritario. O ámbito de actuación inclúe unha lonxitude de vía de aproximadamente 2,4 quilómetros nos que se creará unha senda peonil aproveitando a sección actual da vía. Así mesmo, mellorarase a intersección entre ámbalas dúas estradas (que conflúen en forma de V na zona do antigo Cuartel da Garda Civil) coa instalación dunha glorieta que reordenará os fluxos de tráfico que levan ao concello veciño de Salceda de Caselas. Tamén se instalarán varios pasos de peóns sobreelevados en diferentes puntos, así como redutores físicos de velocidade que obrigarán aos condutores a circular máis devagar.

“A parroquia de Caldelas é unha das máis importantes de Tui e, ademais, as vías provinciais que pasan por ela conectan con outro municipio que é Salceda de Caselas, polo que é importante actuar e aplicar os novos criterios da Deputación de calmar o tráfico e chegar a unha convivencia entre peóns e vehículos nun contorno de seguranza viaria. Estamos a elaborar un proxecto para crear un espazo seguro”, subliñou o deputado nacionalista.
Así mesmo, Benítez comprometeuse co rexedor a asinar en breve un convenio entre a Deputación e o Concello para financiar a obra. Polo de agora é preciso pechar o traballo técnico e axustar a actuación, así como tramitar os informes pertinentes ante o departamento de estradas da Xunta de Galicia (xa que as vías provinciais conectan coa PO-404) e de Patrimonio (pola afectación á igrexa de San Martiño de Caselas).

Deja un comentario