+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018

O alumnado do instituto de Ponte Caldelas visita a Área Arqueolóxica de Tourón


O Concello inclúe nos Orzamentos municipais unha partida estable para o mantemento do espazo, pero insiste en que a Xunta debe colaborar

Un grupo de 68 alumnos e catro profesores do Instituto de Ensino Secundario de Ponte Caldelas visitou a Área Arqueolóxica de Tourón para achegarse a un dos principais fitos da arte rupestre na península ibérica.
O instituto está a desenvolver un interesante proxecto pedagóxico ao redor dos petróglifos de Ponte Caldelas e mesmo elaborou un vídeo que presentou ao concurso auspiciado pola Deputación dentro do programa Telearqueoloxía.
No que vai de ano xa se teñen producido en torno a media ducia de visitas de centros educativos a este espazo, no marco da campaña iniciada polo Goberno local de Ponte Caldelas, que remitiu cartas aos centros educativos de Galicia para dar a coñecer a Área Arqueolóxica de Tourón e comunicar a disponibilidade gratuíta dunha guía que acompaña aos visitantes durante a súa estancia no lugar, incluíndo o acceso ao centro de interpretación.
Por outra banda, o Goberno local caldelán, integrado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está a apostar pola mellora e conservación da área arqueolóxica despois de que nos 10 anos transcorridos dende a súa estrea se teñan producido desperfectos por falta de mantemento. Así, nos últimos meses estreáronse novos paneis de sinalización que permiten contemplar as súas cinco estacións de petróglifos cunha reprodución exacta do seu deseño e achegando todos os datos necesarios para a súa correcta comprensión. Están colocados ao pé das estacións do Outeiro de A Forcadela, o Coto das Sombriñas, a Laxe das Cruces, o couto da Siribela e o Nabal de Martiño. Ademais limpáronse os sendeiros que comunican os diferentes puntos e fixéronse reparacións no edificio do Centro de Interpretación. Ao mesmo tempo está programada a reparación de todo o valado exterior.
O equipo de goberno incluíu tamén, por primeira vez, unha partida estable nos orzamentos municipais para proceder á limpeza integral de toda a área. A causa das súas dimensións, que alcanza as 15 hectáreas, o desbroce da vexetación é un labor que non pode ser asumido polas brigadas municipais. Para elo, o Concello insistiu na necesidade de que a Xunta de Galicia participe na conservación e potenciación deste espazo histórico, declarado BIC. O Pleno aprobou unha moción neste sentido, pero non se obtivo resposta algunha.

Deja un comentario