+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva subliña como servizos básicos dos concellos a garantía do abastecemento de auga e o saneamento


A Presidenta da Deputación destaca na clausura do proxecto Saneplan que os bos gobernantes deben priorizar ambas actuacións

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe na xornada de clausura do proxecto europeo Saneplan que o abastecemento de auga e o saneamento teñen que ser dous servizos básicos que os concellos deben prestar aos seus veciños e veciñas.

Silva xunto a Alejandra Maceiras, responsable de calidade e I+D+i do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Giovanni Bonaiuti, Enxeñeiro da Área de Planificación de West Systems división Physis (Italia), inaugurou esta xornada de formación coa que se clausura o proxecto Saneplan, na que presentáronse os resultados sobre a mellora da xestión do saneamento dentro da planificación urbana. Precisamente a este aspecto referiuse a Presidenta da Deputación ao asegurar a importancia para o gobernante de contar con instrumentos e ferramentas tecnolóxicas que permitan o desenvolvemento urbano integrando as redes de abastecemento e de saneamento.

A Presidenta subliñou que noutro programa sobre o abastecemento onde participaron dous concellos como Baiona e Vilagarcía, se implantou ese proceso tecnolóxico en Baiona e, en breve, en Vilagarcía para mellorar as redes. “Agora con este outro proxecto, o Saneplan, imos a coñecer como funcionan as redes de saneamento e, sobre todo, contar con simuladores tecnolóxicos que nos garantan coñecer como se xestionan estas redes no desenvolvemento urbanístico das poboacións”.

Carmela Silva concluíu sinalando que estas ferramentas van ser moi útiles para os concellos da provincia de Pontevedra para o seu desenvolvemento urbanístico e que dende a Deputación farase unha ampla utilización sobre todo nos concellos de menos de vinte mil habitantes.

Saneplan é un proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostible do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora. En concreto, a través desta actuación estase a impulsar a integración da xestión do saneamento e os seus elementos coa planificación urbana, co obxectivo de mellorar o funcionamento das redes de saneamento e depuración.

Saneplan é unha solución informática sinxela que permitirá ao persoal técnico dos concellos saber cal é a infraestrutura de saneamento necesaria para unha poboación ou mancomunidade e se é suficiente; os núcleos aos que dá e pode dar servizo; se o cambio climático pode afectar á infraestrutura de saneamento existente; actualizar o inventario das infraestruturas de saneamento; controlar as actuacións que se estean executando; ter un control do proceso de depuración; realizar simulacións ou avaliar as augas residuais xeradas. Trátase dunha ferramenta que aporta solucións de grande interese para os concellos e de grande utilidade para os e as técnicas municipais, xa que permite tomar decisións máis adecuadas para garantir unha xestión eficiente e sostible deste servizo básico, como é o de saneamento e auga, e convertelo nun servizo de calidade, que garanta as necesidades de todas as veciñas e veciños.
A ferramenta tecnolóxica xa se vai instalar nos catro concellos da provincia que participan neste proxecto, isto é, Cambados, Ribadumia, Baiona e Vilanova de Arousa. Nestas vilas analizáronse máis de 425 quilómetros de rede de saneamento.

Deja un comentario