+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A Carpa Mahou da Feira do Cocido ábrese este sábado cun showcooking


Os encargados de realizar a exhibición serán os cociñeiros Mahou Kike Piñeiro e Eloy Cancela, da Horta do Obradoiro de Santiago de Compostela, e Rafa Centeno e Inés Abril, do Maruja Limón de Vigo

Todo listo para que esta fin de semana empece a funcionar a Carpa Mahou, que foi instalada nos últimos días no campo da feira e que vai ser, un ano máis, un dos grandes atractivos da edición número 49 do Cocido. Esta instalación tipo iglú -totalmente transparente, de 70 metros de longo por 20 de ancho- abrirase oficialmente ao público o sábado ás 12.00 horas con dous showcookings a cargo de cociñeiros Mahou, no marco dos acordos de colaboración que mantén a marca co Concello de Lalín para o desenvolvemento dos actos da Feira do Cocido.

A primeiro destas exhibicións gastronómicas -que se celebrará ás 12.00 horas- correrá a cargo dos cociñeiros Mahou Kike Piñeiro, Premio Nacional de Gastronomía, e Eloy Cancela, chefs do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro. Prepararán pratos inspirados na tradición do cocido, dándolle o seu particular “punto de modernidade”, e outros pratos máis persoais cos que esperan sorprender ao público asistente.

Unha hora despois, ás 13.00, serán Rafa Centeno e Inés Abril, do restaurante con Estrela Michelín Maruja Limón de Vigo, os encargados de amosar as súas destrezas culinarias. Van preparar unha particular “reinterpretación” do cocido, adaptado aos menús degustación que ofrecen no seu establecemento, onde a cociña está concibida “en pequenos bocados”.

A entrada a estes dous actos é completamente libre e de balde, polo que dende o Concello de Lalín se convida a todas as persoas que estean interesadas a asistir a un acto que permitirá coñecer en vivo as habilidades e o xeito de traballar dalgúns dos novos valores da gastronomía galega. Mahou, coma un dos principais patrocinadores da Feira do Cocido de Lalín, colabora coa posta en marcha de distintas actividades de lecer e entretemento para completar a oferta gastronómica do evento.

Ao mesmo tempo, o público tamén poderá aproveitar para visitar os postos das 31 firmas que se instalarán na Carpa Mahou durante a fin de semana do Cocido, que celebrará o seu día grande o domingo, 19 de febreiro. Estes stands, que estarán abertos xa dende as as 10.00 horas do sábado, contarán cun espazo inmellorable para a exposición e venda dos seus produtos.

Boa mostra do interese suscitado pola Carpa Mahou, que se instaurou como novidade da Feira do Cocido o ano pasado, é o feito de que o Concello recibiu a solicitude de 43 postos, non obstante, houbo 7 empresas que solicitaron máis dun espazo. Así, entre as 31 firmas que contarán cun lugar para a exposición, 14 correspóndense a firmas cárnicas, 5 son queixerías, 7 panaderías e pastelerías, mentres que haberá un posto de venda de licores, un de chocolates e outro de iogures. Así mesmo, 10 espazos fórenlle asignados a firmas artesás de bixutería e outros accesorios manufacturados.

O elevado número de solicitudes recibidas dá mostra da boa saúde da que goza a Feira do Cocido, que espertou un enorme interese entre produtores de todo tipo, que non quixeron deixar pasar a oportunidade de expoñer os seus produtos nun evento gastronómico de tanta sona. A Carpa Mahou foi unha das apostas do Goberno de Lalín para a Feira do Cocido e gozou de gran éxito xa na pasada edición, cunha enorme asistencia de público. Púxose en marcha co obxectivo de renovar a mostra gastronómica e, ao tempo, aportarlle ao festexo un toque de maior calidade e modernidade. Ademais do mercado gastronómico a carpa Mahou foi aproveitada para albergar outras actividades relacionadas coa Feira, como por exemplo o Cocido Miúdo da pasada fin de semana.

Deja un comentario