+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Vías e Obras remata a beirarúa entre Atios e Pontellas, de preto de 2 quilómetros, que dispón de 61 novos puntos de alumeado, que aforrarán 5.000€ anuais e dúas pontes sobre outros tantos regatos


A Concellería de Vías e Obras ven de rematar a beirarrúa de preto de 2 quilómetros entre as parroquias de Atios e Pontellas, con cargo ao Plan Concellos da Deputación do pasado 2015 ano no que Manuel Carrera tamén estaba á fronte desta concellería.
Este xoves, o alcalde accidental visitou as obras xa rematadas nas que, cun orzamento que se achegou aos 250.000€, rematouse esta beirarrúa de 1.780 metros lineais, de formigón pulido e con cor verde, á que se engadiron 61 novos puntos de alumeado público con luminarias led, que permitirán un aforro duns 5.000€ anuais.
Os traballos abrangueron, ademais, a construción de dúas pontes peonís sobre dous regatos e a mellora da seguridade vial, coa redución de dúas curvas especialmente perigosas, nun lugar que é moi transitado.
Manuel Carrera subliñou o feito de que esta obra é de “especial interese público” xa que pola nova beirarrúa descorre parte do Camiño de Santiago, pasa por diante do Velódromo e ofrece unha zona de “paseo” ás veciñas e veciños das parroquias de Atios e Pontellas, “en especial aos dos barrios de San Andrés e Centeáns e, en xeral a todas as porriñesas e porriñeses que poden facer a pe un ‘circuíto’ duns 4 quilómetros, ata a Capela de San Campio en Pontellas”.
Carrera salienta a recuperación dun lugar que estaba en moi mal estado e, en especial, o feito de que se fixese “tendo coma prioridade a seguridade”, como amosa a eliminación da mesma e dúas curvas, o alumeado, e o feito de diminuir a posibilidade de asolagamentos polas choivas, coa colocación de 38 novos sumidoiros.

Deja un comentario