+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra destina preto de 900.000 € para a contratación de máis de 100 persoas ao abeiro do “Plan Concellos 2017”


 

Caldas de Reis, Cambados, Mondariz-Balneario, Mos, Ponteareas e Rodeiro son os seis concellos beneficiarios destas achegas

A Deputación de Pontevedra leva investidos en menos dun mes máis de 4,7 millóns de euros, máis do 50% da liña 3 do Plan Concellos, o que supón un total de 611 persoas empregadas en 35 concellos da provincia

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a quinta concesión, nesta ocasión por un total de 887.770,40 €, no marco da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017. Esta cantidade será destinada aos concellos de Caldas de Reis, Cambados, Mondariz-Balneario, Mos, Ponteareas e Rodeiro.

Carmela Silva sinalou que “con estas cinco achegas, a institución provincial leva xa investidos en menos dun mes un total de 4.709.039,63 €, o que supón case o 51% do seu total”. A Presidenta provincial sinalou a súa satisfacción “polo avanzada que está a concesión da liña 3 do Plan Concellos”, grazas á cal “a día de hoxe xa se crearon 611 postos de emprego en 35 concellos da provincia de Pontevedra” que suporán a garantía e o mantemento dos diversos servizos municipais destas vilas.

En concreto, a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar as seguintes achegas a estes seis concellos: Caldas de Reis recibirá 156.495,17 € para a contratación de 10 persoas, Cambados un total de 207.565,98 € dirixidos a 30 traballadoras e traballadores, Mondariz-Balneario outros 54.614,88 € para dar emprego a 12 persoas, Mos recibirá 100.479,20 euros para a contratación de cinco traballadoras e traballadores, Ponteareas outros 257.614,41 euros dirixidos a 34 persoas e, por último, Rodeiro recibirá un total de 111.007,76 € destinados á contratación de 18 traballadoras e traballadores.

Este ano a achega total á liña 3 do Plan Concellos 2017 está situada en 9.270.000 €. Esta cifra supón o 22,5% da totalidade do Plan que, neste exercicio 2017, conta con 41,2 millóns de euros, o que se traduce nun 3% máis que o ano pasado.

Deja un comentario