+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

Mos valora os danos do temporal e pide axuda á Deputación


A infraestrutura municipal máis perxudicada foi o pavillón Pena de Francia
O Concello de Mos ven de elaborar un informe técnico de valoración de danos producidos en ben municipais polo último temporal, e que se atopa en preto dos 50.000 euros.
O informe, elaborado polas enxeñeira e arquitecta técnica municipais, establece como principais infraestruturas danadas o pavillón de Pena de Francia, cuns danos valorados en preto de 11.500 euros, e o alumeado público, cuns danos que superan os 20.000 euros.
Neste sentido a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que será levada a Pleno este mes unha moción a este respecto para solicitar axuda á Deputación, xa que o ano pasado desentendeuse totalmente e foi a Xunta de Galicia a única administración supramunicipal que prestou colaboración ao Concello.
Na devandita moción exponse que no Concello de Mos foron importantes os danos producidos en bens municipais. O máis importante produciuse no pavillón deportivo Pena de Francia no que se derrubaron dúas paredes por completo existindo risco de derrubamento total de todo o Pavillón. Ademais resultaron tamén danados o colexio de Atín en Cela o os Campos de Fútbol de Cototorrón e Louredo. Así como foron cuantiosos as incidencias e os danos no alumeado público de todo o termo municipal.
Pola súa parte a Deputación de Pontevedra, pese que coñecía con suficiente antelación as previsións de temporal con nivel de alerta vermella, e pese que viu como cada día os danos provocados polo temporal ían en aumento en todo o territorio, non dispuxo dun operativo especial de actuación con seus medios, nin para as estradas da súa titularidade, nin para auxiliar os danos que se estaban a producir nos concellos da provincia.
Durante toda a fin de semana que durou o temporal, o parque de maquinaria estivo pechado e coa maquinaria paralizada, pese a que se dispoñen de maquinas suficientes con capacidade de dar resposta a moitas das incidencias que se producían: camións grúa, camións moto-bomba, maquinas varredoras de estradas, palas escavadoras, etc.
Aínda que as incidencias nas estradas provinciais foron numerosas, tampouco se dispuxo contar coa totalidade das brigadas de mantemento e conservación de estradas provinciais, o que obrigou os seus efectivos a redobrar esforzos, sen contar coa axuda que sempre lles prestou a maquinaria do parque provincial.
Tamén detallou a rexedora local outras incidencias contempladas no informe municipal como que no colexio de Atín produciuse a caída da chapa metálica que cubre o local anexo ao comedor, no que se atopa o termo eléctrico para subministro de auga quente, así como almacenaxe de diverso material.

No Campo de Fútbol de Cototorrón, debido ás fortes rachas de vento, produciuse un derrubamento de oito postes de protección en perfil de aceiro dunha altura de 6 metros aproximadamente.

Ademais destes danos hai que sumar un gran volume de incidencias producidas nas instalacións de alumeado público ao longo de todo o concello de Mos. Incidencias que produciron que nalgunhas vivendas estivesen sen suministro eléctrico durante máis de 24 horas.

Por último, no pavillón deportivo de Pena de Francia, foron os danos máis graves rexistrados en edificacións públicas, pois era unha infraestrutura deportiva de bastante antigüidade.

Ademais de derrubarse por completo dúas paredes, tamén se produciu a rotura de parte da cubrición dos vestiarios producindo a entrada de auga nos mesmos. Esta cuberta actualmente era dun material traslúcido.

As obras a executar no pavillón consisten fundamentalmente na reposición total da cuberta e o solo. Máis detalladamente os traballos a realizar son limpeza e retirada de todos os entullos, limpeza da primeira fiada de bloque, que se atopa delimitando perimetralmente as dúas fachadas, escavación das dúas fachadas para a realización da cementación das paredes, formigonado e armado da cementación para enlazar as paredes, realizar unha repartición da lonxitude total da fachada en 4 vanos; realización dun novo cerramento, no que, de empregar o mesmo material, deberase proceder a colocación de barras de ferro cada catro fiadas para darlle rixidez aos paramentos, retirada e nova colocación da carpintería metálica exterior (fiestras) que nestes momento non pechan e non impediron a entrada do vento ao interior do pavillón, colocación de carpintería metálica na fachada principal, (existía unha porta metálica de dúas follas e con mainel fixo polo que accedía o público sendo o acceso dos xogadores polos vestiarios), disposición da instalación eléctrica nas paredes, (previo ao temporal nas paredes existían focos de iluminación e sinalización de emerxencia) e repaso da cuberta, (deberíase comprobar si a mesma está en perfectas condicións, ou si o vento provocou roturas ou que se atopen chapas soltas). Cabe destacar que non chan do pavillón atópanse restos do illamento que posúen as chapas pola cara interior e que posiblemente se soltou polos movementos que se produciron na cuberta coa entrada do aire.

Deja un comentario