+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra destina máis de 200.000 € do “Plan Concellos 2017” para que catro vilas poidan amortizar ou afrontar débedas e gastos


 

Catoira, Portas, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa son os beneficiarios desta achega da institución provincial ao abeiro da liña 2 do Plan

 
A Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a primeira das concesións, no marco da liña 2 do “Plan Concellos 2017”, para a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente así como outros derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais. Esta primeira das achegas aprobadas ten un valor de 209.933,10 € que serán destinados a catro concellos da provincia de Pontevedra: Catoira, Portas, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

Carmela Silva sinalou que “esta é unha liña moi relevante porque lles permite aos concellos facer fronte a todas estas actividades, e polo tanto garantir que as veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia poidan desenvolver unha serie de proxectos imposibles de subvencionar sen os recursos da Deputación de Pontevedra”, así como facer fronte ás súas obrigas. Deste xeito, remarcou a Presidenta provincial, “se esta liña non existira moitos deles non cumprirían as leis que marca o goberno do Estado e que formulan a obriga de pagar aos acredores en tempo, a reducir a débeda e tamén a facer fronte ao gasto corrente”.

En concreto,Catoira recibirá 40.889,75 € para o pagamento de acredores de gasto corrente, a Portas achegaranse 55.440,15 € para a amortización da débeda do concello, Vila de Cruces recibirá 96.663,20 € para gasto corrente novo e, por último,a institución provincial achega a Vilanova de Arousa outros 16.940 € para gastos derivados da actuación musical de verán da Festa do Mexillón e do Berberecho.

Este ano a achega total á liña 2 do Plan Concellos 2017 está situada en6.180.000 €, o que supón o15% da totalidade do Plan que, neste exercicio, conta cun orzamento de 41,2 millóns de euros, isto é, un 3% máis que o ano pasado.

Deja un comentario