+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Comeza o curso de socorrismo na escola náutico pesqueira de Bueu


O curso, organizado polo Concello de Bueu cunha subvención do GALP, desenvolverase ata o 31 de maio
Un total de dezaseis alumnos e alumnas comezaron este luns o curso de socorrismo que organiza o Concello de Bueu. As clases teóricas vanse celebrar ata o 31 de maio na Escola Náutico Pesqueira de Bueu, e as prácticas serán na Escola Naval Militar de Marín.
As dezaseis persoas participantes resultaron seleccionadas despois de ter pasado as probas o xoves pasado na piscina A Balea de Cangas, nas que se someteron a unha proba física de natación e a unha entrevista persoal.
O curso conta cunha duración de 420 horas lectivas coas que se pretende ampliar a formación dos socorristas de cara á tempada estival dadas as deficiencias de persoal en moitos dos areais.
Esta formación faise ao abeiro dunha subvención concedida polo Grupo de Acción Local da Ría de Pontevedra xunto ao Concello de Marín, e nace tras as múltiples reunións mantidas a respecto da necesidade de desenvolver un plan intermunicipal de emprego e formación no sector do mar. O GALP concedeu unha subvención por importe de 31.429 euros para este curso que busca abrir as oportunidades dos que queren dedicarse ao socorrismo das praias.

Deja un comentario