+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

Medio Ambiente analizará novas actuacións hidráulicas en Marín que melloren o saneamento da ría


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Marín
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, indicoulle á alcaldesa de Marín, María Ramallo, que Augas de Galicia analizará a posibilidade de levar a cabo novas actuacións en materia de saneamento. A conselleira salientou que unha vez se dispoñan dos proxectos procederase ao estudo dos mesmos para priorizar aquelas actuacións que melloren o saneamento da ría.

A conselleira de Medio Ambiente trasladoulle que a Xunta intentará manter unha colaboración estreita co Concello, tal e como xa se fixo noutras ocasións e que permitiron a execución de actuacións para o saneamento no rural de Marín, por un importe de 2,3 millóns de euros, e para o sumidoiro ao igrexario en San Tomé- Coto, por case 200.000 euros.

No transcurso da reunión, a conselleira tamén se comprometeu a estudar a posible execución de actuacións para mellorar o estado das rúas do concello de Marín. Un proxecto que estaría enmarcado dentro do Plan hUrbe, que ten entre os seus obxectivos fomentar a humanización das vilas e mellorar os espazos e equipamentos públicos.

O Plan hUrbe foi posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2010 e xa se levan investidos 123 millóns de euros, que permitiu materializar un total de 157 actuacións en 114 concellos, incluídas as obras a executar no 2017, nas que se investirán preto de 10 millóns de euros no marco deste Plan.

Deja un comentario