+034 986 09 02 04 Luns 16 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Estudo de Mobilidade da Deputación propón pechar ao tráfico o casco vello de A Guarda e priorizar o tránsito peonil por Concepción Arenal


 

O deputado Uxío Benítez e os técnicos redactores reuníronse hoxe co alcalde e os concelleiros dos grupos da oposición para explicar as liñas básicas do “novo modelo de mobilidade sustentable para a vila”
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, presentou hoxe as conclusións do Estudo de Mobilidade e Espazos Públicos encargado pola Deputación para o núcleo urbano de A Guarda. Este documento -unha folla de ruta a curto, medio e longo prazo para que o Concello poida ordenar o espazo público da vila de forma eficiente- propón como principais medidas a peonalización do casco vello, priorizar os tránsitos peonís na arteria viaria que vai ao Porto e buscar alternativas de acceso máis eficientes para os vehículos, redeseñar progresivamente as rúas do resto da vila, e crear unha rede de bolsas de aparcamento.

Segundo explicou Benítez, o Estudo de Mobilidade pretende ser un “plantexamento global do novo modelo de mobilidade sustentable para A Guarda que permita aumentar a calidade urbana e de vida á veciñanza”. “Estes criterios técnicos son os que hai que seguir e, a partir de aí, farase o que o Concello de A Guarda considere oportuno. A Deputación estará sempre a disposición de chegar a acordos para actuar sempre seguindo eses criterios, polo que haberá que ver como concretar despois a actuación en Concepción Arenal”, subliñou.

O documento final do Estudo de Mobilidade e Espazos foi elaborado logo dun proceso participativo no que se tiveron en conta as opinións dos veciños e de diferentes sectores económicos e políticos por medio de reunións e enquisas. As necesidades plantexadas nesa participación foron contrastadas cos datos de poboación, fluxos de tráfico rodado e peonil e con outros aspectos técnicos para dar lugar ás propostas. “Este documento marca as potencialidades que A Guarda pode desenvolver. É unha proposta que pasa dun modelo orientado ao automóbil cara un modelo orientado aos peóns”, subliñou Benítez.

As actuacións que se expuxeron pasan principalmente pola peonalización do casco vello e da zona de San Caetano que, segundo o equipo redactor do estudo, pode facerse de xeito inmediato mediante actuacións e solucións sinxelas –como sinalizacións- que permitirán grandes melloras do espazo público.

Por outra parte, proponse o redeseño e mellora da actual vía de acceso ao Porto –a estrada provincial Concepción Arenal- para implantar a prioridade peonil, cuestión que se define unha “actuación estratéxica”. Neste sentido, o Estudo de Mobilidade considera que é necesario enlazar a zona portuaria mediante eixos de comunicación máis eficientes que os actuais para os vehículos, evitando que camións de grandes dimensións e tonelaxe teñan que pasar polo núcleo da vila. Así, proponse retomar e potenciar o proxecto de ‘Acceso Sur’ que leva varios anos en estudo –pendente da Xunta de Galicia-.

Outra das propostas pasa por crear e mellorar bolsas de estacionamento en localizacións estratéxicas co fin de eliminar certos aparcamentos irregulares nas estradas, gañando esas áreas para o uso da veciñanza. Tamén se sinalou a necesidade de crear camiños escolares seguros cara a zona da Santiña e dos equipamentos deportivos.

Por outra banda, e de cara a fomentar a accesibilidade e tamén tirar un posible rendemento turístico polo seu atractivo, púxose sobre a mesa a posibilidade de instalar dous elevadores mecánicos nas escaleiras do Concello e nas do edificio da confraría, que levarían directamente ao Porto.

Deja un comentario