+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños colaborarán para mellorar a calidade técnica dos proxectos provinciais


 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co decano do ente colexial, Ricardo Babío

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Ricardo Babío, para manter unha primeira toma de contacto e iniciar unha relación de colaboración e traballo en conxunto. Un dos acordos aos que se chegou é a posible sinatura dun convenio entre Deputación e o ente colexial co fin de que todos os proxectos que contrate externamente a institución provincial vaian visados oficialmente polo Colexio, o que suporía unha supervisión que garantiría a calidade técnica das propostas, así como que teñen todas as autorizacións e documentos necesarias e se axustan á legalidade vixente.

Ademais deste acordo, que se concretará e plasmará en vindeiros encontros, Benítez e Babío acordaron que a Deputación e o Colexio colaborarán na celebración de xornadas ou calquera tipo de evento de debate ou divulgación de coñecemento sobre enxeñería e territorio. Neste sentido, o acordo concretouse no patrocinio do III Congreso Internacional de Enxeñería Civil e Territorio Galiza-Norte de Portugal que se celebrará en Vigo o 19 e 20 de outubro para falar da ‘Conservación e Xestión da Obra pública. Cidade e Territorio’.

Este evento, de carácter transfronteirizo –xa que está organizado tamén pola Ordem dos Engenheiros Região Norte-, pretende poñer de relevo que “a axeitada xestión e conservación do patrimonio construído que supoñen as obras públicas está directamente relacionado coa calidade de vida dos cidadáns”, segundo indicou Benítez. De feito, o deputado destacou que esta filosofía coincide coa expresada polo novo goberno provincial á hora de priorizar o mantemento e conservación das infraestruturas viarias. Así mesmo, explicou que a Deputación participará tamén nun relatorio para dar a coñecer aos técnicos que asistan as actuacións do Plan MÓVESE que está a desenvolver o departamento de Mobilidade -coa instalación de redución física de velocidade que pretenden un calmado do tráfico que permita unha maior seguranza viaria-.

No encontro de hoxe, celebrado no Pazo Provincial, estiveron presentes por parte do Colexio de Enxeñeiros tanto o decano como o secretario da Xunta reitora, Francisco Rosado. Por parte da Deputación acudiron o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez; e o novo director de Mobilidade, Daniel Romay; a técnica de proxectos Noemí Romero; así como o novo xefe de servizo provincial, Francisco Alonso, que tamén é o delegado da provincia de Pontevedra e vogal da Xunta reitora do Colexio.

Deja un comentario