+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

Ponte Caldelas ofrécese a pagar as expropiacións da PO-234 “para acabar coas escusas da Xunta de Galicia”


O alcalde entregou na xuntanza de hoxe un convenio polo que o Concello asume o custo dos terreos que os veciños non cedan
Acabáronse as escusas da Xunta de Galicia para non acometer as obras de mellora da seguridade viaria da PO-234 no tramo correspondente as curvas de Laxoso. O alcalde, Andrés Díaz, asistiu hoxe á xuntanza con diversos cargos da Xunta de Galicia para entregar un borrador de convenio polo que o Concello de Ponte Caldelas se converterá no primeiro de Galicia en asumir as expropiacións nunha vía da Rede Autonómica de Estradas.
O convenio entregado prevé que o Concello correrá coas expropiacións das parcelas que non cedan os veciños durante o procedemento administrativo que debe iniciar a Consellería. O pago realizaríase en dúas anualidades, a razón de 20.000 euros este ano, e a cantidade restante, ata un total máximo de 40.000 euros, o ano próximo.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, cualificou como viable o convenio, que agora será informado polos servizos xurídicos, e anunciou que comezará o proceso expropiatorio coa intención de licitar a obra cara o verán. Andrés Díaz asegurou sentirse satisfeito a medias, pois considera que a Xunta xa tiña que ter iniciado as expropiacións, ao tratarse dun problema de seguridade viaria, focalizado en Laxoso, que afecta non só aos veciños de Ponte Caldelas, senón tamén aos de Cerdedo-Cotobade.
“Falamos dunhas expropiacións que, descontando os terreos que se van ceder, non superarán nunca os 40.000 euros, que é unha propina no orzamento da Xunta, pero para o Concello de Ponte Caldelas son moitos cartos, e, aínda así, asumímolos”, destacou.
O alcalde de Ponte Caldelas considera que coa entrega deste convenio, a polémica queda superada. “Demostramos que a nosa capacidade e vontade de colaboración é máxima, porque imos ser pioneiros pagando as expropiacións dunha Administración autonómica”. “Os nosos veciños son o primeiro, máis aínda que seguir loitando para defender a razón, que sempre estivo do noso lado”. O importante, conclúe, é que a obra se faga antes de que haxa que lamentar os resultados dun grave accidente.
Andrés Díaz explica que, a día de hoxe, xa comunicaron a súa vontade de ceder a Comunidade de Montes, o propio Concello (titular de tres parcelas) e 16 veciños, o que abrangue boa parte do tramo. O resto, ata o total das 99 parcelas afectadas, non puideron ser localizados por tratarse de persoas residentes e empadroadas fóra de Ponte Caldelas (algunhas parece que mesmo no estranxeiro), de persoas falecidas, ou fincas “en investigación”. O alcalde criticou as deficiencias da relación de bens e dereitos afectados entregada pola Consellería a partir do traballo dunha consultora privada.
O Concello, gobernado pola coalición entre o PSdeG-PSOE, AVP e BNG, tiña accedido, en mostra de boa vontade, a intentar recoller sinaturas previas dos afectados polas expropiacións. Non obstante, sempre defendeu que as competencias legais para obter terreos, a título oneroso ou gratuíto, na zona de servidume dunha estrada autonómica correspóndelle en exclusiva á Xunta.
O Concello tamén denunciou o “ridículo suposto” introducido pola Consellería dunha especie de “competición de recollida de sinaturas” entre os concellos de Ponte Caldelas e o de Cerdedo-Cotobade. En primeiro lugar porque en este último municipio só hai 16 fincas afectadas, contra 99 no lado caldelán. En segundo, porque o tramo cotobadés entra máis dun Km no termo municipal de Ponte Caldelas sen que nese tramo concreto se pidan sinaturas a ninguén. Finalmente, porque o propio concepto da recollida de sinaturas “é decimonónico e representativo dun estilo de goberno caciquil, incompatible cunha Administración moderna”, conclúe Díaz, quen se pregunta se a Consellería esixirá, a partir de agora, a todos os concellos galegos a cesión previa dos terreos para as obras das estradas autonómicas.
Nos próximos días, o Goberno local caldelán reunirase cos veciños de Laxoso e coa Plataforma da PO-234 para informarlles das novidades e decidir os futuros pasos a seguir.

Deja un comentario