+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

A mellora da PO-234 licitarase polo treito de Augasantas despois de que o Concello entregara os terreos á Xunta


A Xunta decide comezar a obra de inmediato polo termo que acadou os predios para non adiar máis a obra e ter consignados 653.000 euros

A mellora da estrada PO-234, entre o noso concello e Ponte Caldelas, vaise licitar de xeito inminente polo treito cotobadés de Augasantas despois que o presidente, Jorge Cubela, procedese a entregar hoxe os terreos á Xunta de Galicia nunha xuntanza mantida co delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

Os representantes da Xunta reuniron aos dous rexedores cinco semanas despois de que vencera o prazo para a consecución de terreos e a súa posta a disposición a prol da administración galega para comezar coa tramitación administrativa. Cómpre lembrar que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, aceptou comezar a obra por Laxoso se o concello caldelán conseguía os terreos necesarios –unha fórmula moi habitual na realización de centos de infraestruturas en Galicia– antes do 15 de xaneiro.

Na xuntanza celebrada hoxe para analizar a situación actual e decidir o comezo da obra, Cubela foi o único que entregou todas as parcelas afectadas tras conseguir a súa cesión asinada formalmente pola comunidade de montes de Augasantas e o resto dos particulares.

Porén, os representantes da administración autonómica anunciaron aos dous rexedores que a obra vai comezar de inmediato coa tramitación administrativa do proceso de licitación polo treito de Augasantas, xa que non se quere adiar máis a obra, para a que xa se teñen consignados
653.000 euros para o presente exercicio.

“Nun exercicio de responsabilidade e de diálogo cos veciños, acadamos os terreos e xa están en mans da Xunta, o cal considero que é un logro do noso equipo de goberno. Entendo perfectamente a postura da Xunta de comezar por Cotobade xa que somos os únicos que temos dende xa os terreos e creo que esta decisión tan áxil e rápida será respaldada polo alcalde de Ponte Caldelas, xa que supoño que non lle molestará que a obra comece canto antes, sexa polo lado que sexa, porque sempre dixo que o seu interese é que se mellore toda a estrada e, polo momento, só pode comezar por Augasantas”, explicou Cubela.

O rexedor tamén quixo deixar claro que a cesión gratuíta dos terreos que acadou cos propietarios afectados “é perfectamente legal malia que o rexedor caldelán dixo o contrario para xustificar que el non era capaz de conseguilos” e para elo presentou na xuntanza un certificado do secretario municipal de Cerdedo-Cotobade que avala xuridicamente o proceso.

A fusión e o compromiso do PP, claves

Cubela amosou a súa satisfacción polo resultado da xuntanza “xa que a obra vai comezar, que era o que todos queríamos, e vaino facer de xeito inminente” e quixo deixar claro que, tras anos de reivindicacións, “vai ser unha realidade grazas ao compromiso do PP con Cerdedo-Cotobade, con Ponte Caldelas e co interior da provincia”. Así, quixo agradecer a “sensibilidade” de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, que amosaron o seu interese por esta mellora, de Ethel Vázquez e de José Manuel Cores Tourís para afrontar a reforma integral desta infraestrutura. “Houbo moitos gobernos de distintas cores políticas, pero o que é medible non é opinable, e vai ser o PP, coa súa xestión, o que salde esta demanda histórica”, apostillou.

Finalmente, quixo facer lembrar que esta mellora e outros proxectos de gran calado e importancia “veñen avalados polo proceso de fusión, porque somos un concello máis grande, con máis poboación e de maior peso e, ademais dos incentivos que se nos deben conceder por lei, temos máis forza para facer cumprir as nosas demandas e necesidades”.

Deja un comentario