+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

O Concello de Ponte Caldelas amosa o funcionamento da máquina varredora a varios concellos galegos


As beirarrúas serán obxecto de pequenas obras para optimizar o seu rendemento construíndo algunhas ramplas e recolocando varios sinais

A nova varredora mecánica que entrou en servizo en Ponte Caldelas o pasado mes de outubro está a suscitar interese nos concellos galegos de pequeno e mediano. Nas últimas semanas estivo na localidade unha representación dun municipio da comarca de Arousa para observar o seu funcionamento e estanse a recibir chamadas e consultas, ata o punto de que xa están previstas novas visitas de responsables municipais doutro concello da provincia e dun terceiro coruñés.
A máquina permitiu unha reorganización total dos recursos humanos do Concello, pois realiza un varrido e baldeado total das rúas do centro urbano en apenas un par de mañás e cun só operario, polo que o aproveitamento da brigada municipal é agora moito máis acaído e cunha maior flexibilidade para atender aos 33 núcleos de poboación do municipio.
O Goberno local caldelán, composto polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está preparando a realización de pequenas obras no centro urbano para optimizar o funcionamento da varredora, pois xa se comprobou que é necesario facer rebaixes e ramplas nos bordos dalgunhas beirarrúas e tamén a resituación dalgúns sinais de tráfico que impiden o seu paso.
A varredora, que tivo un custo de 65.000 euros para as arcas municipais, é un dos principais investimentos materiais do Concello durante este mandato. O cambio no modelo de limpeza está xa a ser valorado polos veciños, que observan unha mellora moi substancial na calidade da prestación do servizo.
En Ponte Caldelas o servizo de limpeza execútase directamente polo Concello e só a recollida do lixo e o seu transporte ata a planta de transferencia está contratado en réxime de concesión administrativa.

Deja un comentario