+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

Fronte á parálise do Goberno de Lores, a Xunta de Feijóo continúa apostando por Pontevedra


O presidente local do PP de Pontevedra celebra o anuncio para a creación dunha residencia pública no actual edificio do Hospital Provincial

“Fronte á parálise do Goberno de Lores, a Xunta de Feijóo continúa apostando por Pontevedra”. O presidente local do PP en Pontevedra e portavoz municipal, Jacobo Moreira, celebra o anuncio para a creación dunha residencia pública no actual edificio do Hospital Provincial.
“Unha boa planificación e unha xestión eficiente permite ofrecer aos pontevedreses servizos acorde as súas demandas”, destacou o edil popular quen considera esta medida “unha interesante alternativa para o edificio do Provincial, unha vez construído o Gran Montecelo”. “120 prazas, 75 novos empregos e un investimento de máis de 6 millóns de euros. Unha medida anunciada polo Presidente en setembro do ano pasado, cuxo avance vén a demostrar o compromiso de Feijóo con Pontevedra”.
Neste sentido, Jacobo Moreira lembra que “dende que pechou o asilo privado de Pontevedra, Lores non moveu un dedo por ofrecer unha alternativa” e que “son outras administracións as que están a velar polos intereses dos nosos veciños”.
O desdobramento da avenida de Vigo (hoxe Josefina Arruti), a reforma da N-541 en Mourente, o primeiro tramo da circunvalación, a construción do novo edificio xudicial (a pesar da falta da xestión do Goberno de Lores), o tramo do paseo marítimo entre Pontevedra e Lourizán, a estación intermodal ou a variante de Alba, veñen a demostrar que “ao final teñen que ser outras administracións as que deseñen o futuro de Pontevedra ante a parálise do BNG de Lores”, manifestou Jacobo Moreira.
Pola contra, “seguimos sen coñecer o proxecto do Goberno de Lores para a humanización do entorno de Mollabao, non hai avances no prometido parque de Médico Ballina, nin no proxecto de peonalización da Ponte do Burgo, tampouco para O Gorgullón ou a rúa Virxe do Camiño”, reprochou Jacobo Moreira quen lamenta que “a parálise do BNG de Lores estea a prexudicar aos veciños de Pontevedra”.

Deja un comentario