+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

Cerdedo-Cotobade proxecta a revisión de parques infantís para mellorar o lecer e a seguridade dos cativos


A maioría das áreas recreativas están en boa situación pero algunhas precisan de pequenas modificacións sobre peches, solos e o ferraxe

O Concello de Cerdedo-Cotobade ten en marcha un proxecto para acometer a revisión e reparación de gran parte dos parques infantís do municipio co obxectivo de mellorar o lecer e a seguridade dos cativos. Para elo, os servizos municipais xa elaboraron unha memoria, avaliada polo arquitecto técnico municipal, e cursaron o correspondente proxecto ante a Xunta de Galicia para optar ao financiamento do mesmo, que está orzamentado en 62.500 euros.

O obxectivo deste investimento pasa por revisar os parques, malia que xa se fixo unha supervisión inicial que xustifica esta necesidade, e acometer reparacións naqueles casos nos que fora necesario para cumprir coa normativa europea e autonómica.

A primeira análise da situación destas áreas recreativas revela que a maioría delas atópase en boa situación, pero tamén que é preciso acometer algunhas modificacións para deixalas en perfecto estado.

Entre as actuacións proxectadas figuran as seguintes: eliminación da ferraxe nos parafusos nos distintos elementos de xogo, borrado de pintadas e grafitos, eliminación de musgos nos distintos elementos de caucho, instalación de piso amortecedor naqueles elementos que non o teñen, reparación ou recambio de peches perimetrais e, finalmente, obtención de certificados de homologación expedidos por algunha empresa acreditada en Enac.

Vantaxe da fusión

O goberno local de Cerdedo-Cotobade considera que este proxecto “é de gran importancia para mellorar a xa boa situación das zonas de lecer dos cativos, que empregan moito estas instalacións, e sobre todo para garantir a perfecta seguridade dos nenos no seu tempo e espazo de xogo”. Ademais, amosou a súa confianza en que se obterá gran parte do financiamento no marco desta subvención, “xa que a fusión permite que o Concello conte con máis puntuación neste tipo de liñas de axuda con respecto a outros municipios”.

Deja un comentario