+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A presidenta da Deputación de Pontevedra propón á Xunta de Galicia a creación dunha Comisión Mixta para estudiar o proceso de transferencias


Na reunión con Núñez Feijoo, Carmela Silva presentou os informes que cifran en máis de 20 millóns de euros o financiamento de servizos e centros nos que a súa competencia non é propia nin delegada

 

O goberno provincial de Carmela Silva formulou ao presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, a creación dunha Comisión Mixta, Deputación de Pontevedra-Xunta de Galicia, para iniciar o proceso de transferencias daqueles centros e servizos dos que a institución provincial non ten competencias nin propias, nin delegadas. Na reunión desta tarde, a presidenta da Deputación, que acudiu acompañada polo vicepresidente, César Mosquera, presentou os informes que cifran en case 22 millóns de euros o financiamento destes centros, entre os que se atopan a Cidade Príncipe Felipe, a Escola Universitaria de Enfermería, a Escola de Cantería, a Estación Fitopatolóxica Areeiro e a Finca Mouriscade, ademais de servizos aos concellos da provincia de Pontevedra como a Teleasistencia e os Servizos Comunitarios Básicos, os programas de asistencia social na área de Igualdade e as axudas a cooperativas agropecuarias e confrarías pesqueiras, todos eles de competencia autonómica.

Así mesmo, Carmela Silva mostrou a súa disposición para estudar a posibilidade do traspaso da Finca e o Pazo de Lourizán, para o que insistiu na urxencia de que a Xunta acometa a súa rehabilitación, así como a construción do Centro de Investigación Forestal, tal e como recolle o convenio entre ambas as administracións.

No encontro con Núñez Feijoo, Carmela Silva tamén expuxo a necesidade de que a Xunta de Galicia acometa un plan de actuacións urxentes na rede viaria autonómica da provincia, a axilización dos proxectos pendentes, os arranxos integrais dalgunhas estradas e un plan de mellora da seguridade viaria. Así mesmo, a presidenta da Deputación requiriu á Xunta un programa de actuación nos centros educativos da provincia e nas infraestruturas sanitarias, dado o estado de deterioro de moitos centros escolares e centros de saúde, na área de equipamentos deportivos e culturais, do Medio Rural e Mar, do Emprego e a necesidade dunha análise sobre o risco da deslocalización de empresas cara ao norte de Portugal. Tamén na área de Igualdade, Carmela Silva insistiu ao presidente da Xunta na necesidade urxente dun Pacto de Estado contra a violencia machista. Outra das propostas da Presidenta da Deputación de Pontevedra foi a necesidade dun novo Fondo de Participación Local, dotado de recursos propios, no que participen todos os concellos de Galicia e con criterios de repartición obxectivos, transparentes e non discriminatorios.

Carmela Silva tamén fixo propostas en canto a necesidade dunha redefinición do mapa de emerxencias na provincia, onde hai zonas que teñen deficiencias en canto a cobertura. Respecto ao Consorcio contra incendios e de salvamento, a presidenta formulou a posibilidade de creación dunha rede máis apropiada ás necesidades da provincia e dunha coordinación provincial como primeiro paso para dotar dunha estrutura de mando ao territorio.

Finalmente, a presidenta da Deputación lembrou ao Presidente da Xunta demandas históricas da provincia de Pontevedra, para as que pediu a Feijoo que actúe como interlocutor ante o goberno de España. Entre elas se atopan a Liña de Alta Velocidade Ferroviaria Vigo-Ourense por Cerdedo, a Saída Sur ferroviaria de Vigo-O Porriño, as autovías A-57 e A-59 e conexión coa AP-9, as obras de mellora de seguridade na A-55 practicamente paralizadas, ou a licitación da Estación do AVE en Vigo.

Deja un comentario