+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

O “Entroido en Familia” de Ponte Caldelas encheu o martes de animación e disfraces


Unhas 700 persoas participaron na segunda edición dunha festa que se consolida
Ponte Caldelas entrou de cheo na troula coa celebración do “Entroido en Familia”, a celebración programada polo Concello para onte martes e na que participaron unhas 700 persoas ao longo de toda a xornada.
O Concello agasallou aos rapaces cunha bolsa de cotillón e, segundo os datos da organización, repartíronse un total de 300 unidades, o que deixa clara a gran participación que se rexistrou na festa que tivo lugar nos locais da discoteca Reivi.
As portas abríronse ás 17 horas e non pecharon ata ben pasadas as 21 horas. A maior parte dos asistentes foron, de feito, familias que acudiron disfrazadas e acompañadas dos cativos. Alí tiveron ocasión de gozar coa animación musical a cargo dun disc-jockey e a actuación do Mago Marco. Houbo tamén sorteos de agasallos. Tamén se deixaron ver varios concelleiros disfrazados, entre eles o alcalde, Andrés Díaz.
O Goberno local caldelán, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, mantén así a iniciativa que botou a andar o ano pasado con moi bos resultados. O éxito acadado, cunha aceptación popular mesmo por enriba das expectativas, aconsella seguir alugando os locais da discoteca en anos sucesivos.
Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas xa está traballando na organización do desfile de Entroido que neste ano chegará no mes de xuño nun intento de garantir o bo tempo e maximizar a repercusión turística e socioeconómica dunha celebración de gran relevancia no municipio caldelán. O desfile concluirá cunha festa e sesión musical na Alameda ata altas horas da madrugada.
O Goberno local está moi satisfeito da decisión de desdobrar o Entroido entre o inverno e o comezo do verán, porque permite traballar con máis tranquilidade, organizando eventos nos que se minimiza o risco de suspensión por mor das condicións meteorolóxicas e, ademais, se acentúa a singularidade da programación caldelán.

Deja un comentario