+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

Turismo de Galicia mellora a sinalización da zona monumental do concello de Tui


A directora de Turismo de Galicia e o xerente do Xacobeo visitaron esta mañá a nova sinalización enmarcada na liña de axudas para mellorar a accesibilidade e sinalización en varios concellos galegos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, visitaron esta mañá as obras de sinalización da zona monumental de Tui, enmarcadas na liña de axudas postas en marcha por Turismo de Galicia para mellorar a accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos galegos e que beneficiou a un total de 82 concellos da nosa comunidade.

No caso de Tui, o proxecto –dotado cunha subvención de máis de 20.000 euros- inclúe a sinalización integral da súa zona monumental que, en palabras de Nava Castro, ademais de facilitar a visita ofrecerá unha imaxe uniforme, renovada e actualizada.

“A través desta iniciativa ponse en valor o que é un dos principais reclamos turísticos de Tui, o seu casco histórico, Ben de Interese Cultural, e polo que transcorre o Camiño Portugués. Estou segura de que esta sinalización será un elemento imprescindible para todos os que escollen esta ruta, a segunda máis empregada polos peregrinos e na que, no que vai de ano, fixeron o Camiño máis de 600 peregrinos”, engadiu.

Carteis físicos e plataforma dixital
A responsable de Turismo da Xunta e o xerente do Xacobeo, acompañados pola comitiva do goberno local, percorreron o casco histórico desta localidade pontevedresa seguindo a nova sinalización que inclúe recursos turísticos como a Catedral de Santa María, o Convento das Clarisas, as igrexas de San Domingos, San Bartolomeu ou San Francisco, a muralla medieval, o palco da música, os xardíns de Troncoso ou as prazas de Fromista, da Armada, ou da Estrela, entre outros.

Ademais de carteis físicos, o proxecto inclúe unha plataforma dixital que permite ampliar esta información dos recursos turísticos e realizar unha visita guiada da cidade histórica de Tui empregando tabletas ou teléfonos móbiles dando así resposta aos novos hábitos dos turistas, que cada vez empregan máis os seus dispositivos nas distintas fases da súa viaxe. “Trátase dun proxecto que, de seguro, axudará a mellorar o posicionamento turístico de Tui”, indicou a directora da Turismo da Xunta.
Máis de 80 concellos beneficiados
O proxecto de sinalización do casco histórico de Tui presentado hoxe está enmarcado na liña de axudas postas en marcha por Turismo de Galicia para mellorar a accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos galegos e que contou cun importe total de máis de 1 millón de euros. Beneficiou a 82 concellos da nosa comunidade, sendo Tui un dos 21 concellos de Pontevedra con esta liña de axudas.

Mediante estas subvencións, Turismo de Galicia impulsa a mellora da accesibilidade física e a sinalización de recursos turísticos coma os espazos naturais, miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais e Bens de Interese Cultural, que constitúen un gran atractivo para os que nos visitan.

Deja un comentario