+034 986 09 02 04 Mércores 27 de Maio de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Máis de 200 nenos dos colexios A Pedra e Torre-Cela de Bueu coñecerán a partir de mañá en que consiste a compostaxe con xogos, obradoiros e charlas


 

Os alumnos de Infantil e Primaria coñecerán á mascota do Plan Revitaliza, o colémbolo, e xogarán ao ‘Xogo da miñoca’

Xogos sobre como se deben separar os residuos, charlas sobre compostaxe, visitas a composteiros, exposicións e moitas outras actividades entretidas e tamén lúdicas… Máis de 200 nenos dos colexios A Pedra e Torre-Cela de Bueu coñecerán dende mañá en que consiste a compostaxe grazas aos obradoiros que a Deputación de Pontevedra, a través do Plan Revitaliza, está a realizar nos centros educativos da provincia. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolve xunto ao Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), é familiarizar aos máis pequenos coa fórmula máis ecolóxica e económica de xestionar o lixo orgánico.

No día de mañá, os rapaces de Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria do CEIP Torre-Cela e os do CEIP A Pedra desenvolverán varios xogos cooperativos e tradicionais adaptados á temática. Entre eles destaca o ‘Xogo da miñoca’, unha variación do xogo da oca na que os pequenos e pequenas terán que pasar unha serie de probas e preguntas para chegar á casiña final da man do ‘colémbolo’, a mascota do Plan Revitaliza. Pola súa banda, os rapaces de segundo e terceiro ciclo de Primaria participarán na charla ‘A voltas coa compostaxe’, que supón un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións), á súa xestión e tratamento, así como ao proceso de compostaxe da fracción orgánica e como se desenvolve o plan provincial ‘Revitaliza’.

Por outra parte, os rapaces e as rapazas do CEIP Torre-Cela disporán a partires da vindeira semana dunha exposición itinerante integrada por nove paneis e acompañada de trípticos na que se explican as fases para facer o compost. Pequenos e pequenas tamén participarán nos obradoiros ‘Poñendo en marcha o composteiro’ e ‘Quen vive aí?’, nos que se lles demostrará como instalar e manter un pequeno centro de compostaxe, e como identificar os invertebrados presentes no composteiro (cochinillas, cadelas de frade… ) que participan no proceso. Finalmente, o vindeiro 3 de maio organizarase unha visita ao centro de compostaxe comunitario que a Deputación instalou no Concello de Bueu.

A intención destes obradoiros é concienciar á comunidade educativa da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros comunitarios e individuais, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Este programa educativo vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros próximos aos composteiros comunitarios implantados pola Deputación de Pontevedra, acompañado dunha formación especifica tamén para o profesorado. De feito, o persoal delegado do CEIDA realizará xornadas específicas para o profesorado e persoal adulto dos centros de ensino, nas que se incide en que a xestión de residuos é un dos principais problemas ambientais aos que diariamente se teñen que enfrontar os concellos.

A Deputación de Pontevedra, co Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de plantas de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe, tanto a escala individual como comunitaria e comarcal. É fundamental, neste sentido, a colaboración da poboación local para reducir os elevados custes da recollida e tratamento dos residuos, separando e levando a materia orgánica aos composteiros.

Deja un comentario