+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

O Concello de Ponteareas fomenta o consumo responsable entre o alumnado de Primaria


Con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética os escolares aprenderán hábitos e actitudes de aforro enerxético
As Concellerías de Medio Ambiente e Ensino do Concello de Ponteareas, dirixidas polo alcalde Xosé Represas e a edil Cristina Fernández, desenvolverán esta vindeira semana, coincidindo co Día Mundial da Eficiencia Enerxética que se celebra o 5 de marzo, unha campaña entre os escolares ponteareáns de cara a súa concienciación sobre o uso racional da enerxía.
Con esta finalidade, o Concello de Ponteareas poñerá a disposición do profesorado e alumnado, información e propostas para, mediante o xogo, concienciar aos máis pequenos da necesidade de preservar os recursos do planeta e respectar a natureza e o medio ambiente.
Preténdese pois que o alumnado estimule o proceso creativo, interiorizando os coñecementos de forma lúdica, e concienciándose da necesidade do uso responsable da enerxía. Na mesma iniciativa, tamén se lles explicará a rapaces e rapazas, todo o relativo ás enerxías renovables como alternativa máis respectuosa e sostible co medio e coa Terra.
“Debemos educar aos nenos e nenas no aforro enerxético e no uso responsable da enerxía, sendo o ámbito escolar o máis efectivo, xa que é aí onde se establecen hábitos axeitados a longo prazo para diminuír o consumo de enerxía”, comenta o Alcalde.
Xosé Represas, alcalde de Ponteareas incide no feito de “ser máis eficiente non significa renunciar ao noso benestar e calidade de vida”. Trátase, engade o rexedor municipal, “de ser responsables para levar un estilo de vida máis sostible, dispoñendo dos mesmos servizos”. Nese senso, matizaba a concelleira Cristina Fernández, “os escolares poden xogar un papel fundamental no aforro enerxético dos seus fogares e no centros educativos ”.

Deja un comentario