+034 986 09 02 04 Mércores 28 de Outubro de 2020

Concellos da provincia analizan como planificar espazos verdes involucrando á veciñanza


O responsable do deseño dos espazos verdes de Nantes, cidade de referencia neste ámbito, explicou como construír un concepto colectivo e participativo que se manteña a longo prazo

«É necesaria a participación consciente da poboación, crear unha mentalidade colectiva, para que se involucre no coidado das zonas verdes e se sinta orgullosa delas» asegurou Jaques Soignon ante unha vintena de persoas no encontro ‘Os espazos verdes dentro da planificación urbana’. Este encontro, organizado pola Deputación de Pontevedra aproveitando a presenza de Soignon no Pazo de Rubiáns no marco da xornada «Camelia e Paisaxismo», supuxo un primeiro achegamento ás posibilidades dunha planificación diferente dos espazos públicos na provincia. Neste sentido, a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, asegurou que «a idea é coñecer experiencias de referencia e adaptalas á nosa realidade, de xeito respectuoso e acaído á nosa idiosincrasia, e fuxir de conceptos que xa vemos que non aportan nada, como a simple colocación de bancos e macetas nas prazas». Unha idea na que tamén insistiu a directora da Escola Galega de Paisaxismo Juana de Vega, Isabel Aguirre, quen avogou por «recuperar o noso, as nosas carballeiras e os campos da feira tradicionais, para que deixen de ser espazos degradados, pero para iso temos que buscar as fórmulas axeitadas para concienciar á poboación».
Na concienciación e educación da veciñanza na planificación dos espazos verdes urbanos está a clave da súa preservación e coidado a longo prazo, segundo indicou Jaques Soignon. O especialista francés, referente no eido do urbanismo e o paisaxismo e un dos responsables de que Nantes sexa unha cidade modelo na concepción participativa e interactiva da paisaxe, explicou como levan traballando desde a década de 1980 para desenvolver este modelo. Entre as principais liñas de actuación destacou que, en primeiro lugar, na transformación da cidade tiveron un papel fundamental os profesionais do paisaxismo. «Primeiro fixeron o deseño os paisaxistas e despois os arquitectos aplicaron estes deseños» indicou Jaques Soignon. Tamén considerou de especial relevancia que os 300 xardineiros da cidade actúen como axentes de desenvolvemento, realizando unha labor de educación e formación entre a poboación para que esta implicación e participación estea fundamentada en conceptos de conservación, respecto e coñecemento do medio e das especies vexetais. Para incidir neste aspecto, crearon ademais unha comisión de diversidade, a través da que tamén se canalizan as accións de formación. Entre os logros máis chamativos tamén mencionou como esta educación e formación da poboación fixo posible que se recuperen e se coiden espazos verdes formados por plantas silvestres e comúns, respectando e poñendo en valor a natureza en estado puro, evitando os pesticidas, e valorando a vexetación propia de cada zona.
Por último, tamén explicou como actualmente traballan a través de convocatorias ás que veciños e veciñas tanto a nivel particular como a través de asociacións presentan propostas para actuar en zonas determinadas. A partires desas propostas, realízase o deseño e o mantemento de xeito conxunto, entre veciñanza e técnicos municipais.

Deja un comentario