+034 986 09 02 04 Sábado 21 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva visita as instalacións do novo centro loxístico de Hijos de Rivera no polígono de Barro


A Presidenta da Deputación foi recibida por representantes da compañía galega no seu percorrido polas instalacións recentemente inauguradas desde onde se dará servizo á área de Pontevedra

Celebrouse unha visita institucional ao novo centro loxístico que acaba de inaugurar Fillos de Rivera, propietaria de Estrela Galicia, no polígono industrial de Barro- Meis. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi recibida nas instalacións por representantes da compañía galega co obxectivo de levar a cabo un percorrido polos máis de 4.000 metros cadrados construídos desde onde se dará servizo á área de Pontevedra.

O Deputado de Cooperación Municipal, David Regades, e o Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañaron a Carmela Silva na súa visita xunto a Antonio Viejo, Director da Corporación Fillos de Rivera e Miguel Ángel Vázquez, Delegado comercial de Fillos de Rivera en Pontevedra, exerceron de anfitrións.

Carmela Silva agradeceu aos representantes da Corporación pola invitación a visitar as súas novas instalacións e tamén por elixir o polígono de Barro para a súa nova plataforma loxística para atender Pontevedra. “Para este concello e para este polígono que grandes empresas se instalen nel, convirte a esta zona nun polígono dos máis relevantes que se están a poñer en marcha en Galicia”, subliñou Silva.

A Presidenta destacou a construción desta nave loxística, “moderna e con todas as medidas de seguridade, vai ser un atractivo para a instalación doutras empresas no polígono de Barro”· Silva subliñou que espera que a instalación de novas empresas en Barro fagan que en breve “teñamos que ampliar o propio polígono”, concluíu a Presidenta.

Antonio Viejo, director da Corporación Fillos de Rivera, subliñou que a nave é unha resposta a necesidade de manter unha calidade de servizo do máximo nivel para os máis de tres mil clientes da zona Norte da provincia e agradeceu a axilidade do concello e da Deputación para ter cumpridos todos os trámites administrativos para a súa posta en marcha.

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, sinalou que o seu concello axilizou todo o posible para que a nave de Estrella Galicia fora unha realidade no menor período de tempo e “hoxe xa é unha realidade”.

A nave consta de 4.160 metros cadrados construídos en 3 plantas. A compañía comezou a operar con normalidade desde as instalacións do polígono de Barro-Meis desde a pasada semana tras máis de 7 meses de obras nas que se tratou de executar a maior parte da obra con empresas locais. A nave está dotada con paneis solares e un separador de hidrocarburos para a súa contribución ao medio ambiente.

Neste momento no polígono de Barro están vendidas un total de 26 parcelas que suman case que 98.000 metros cadrados de ocupación por diversas empresas, entre as que destaca el centro distribución del Grupo Froiz. Ademais no polígono esta instalado el Viveiro de empresas de Deputación, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados, e o centro de apoio empresarial, que tamén ocupa outra parcela de 2.500 metros cadrados. No pasado mes de febreiro se recibiron as últimas peticións de ocupación de parcelas, que se atopan no proceso administrativo de concesión, que sumaron outras catro novas empresas ao polígono de Barro.

Deja un comentario