+034 986 09 02 04 Sábado 21 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

300 rapaces e rapazas do CIP Vilaboa coñecen que é a compostaxe nos obradoiros da Deputación


Os escolares realizarán entre hoxe e mañá a actividade ‘Quen vive aí?’, na que estudarán os diferentes vermes que axudan a facer o compost

Uns 300 rapaces e rapazas do Centro Público Integrado (CPI) Vilaboa están a participar nos obradoiros organizados pola Deputación para aprender xogando en que consiste a compostaxe. Este martes os primeiros grupos realizaron unha actividade baixo o título ‘Quen vive aí?’, na que identificaron os invertebrados presentes no composteiro (cochiniñas, bichiños bola, cadelas de frade… ) e coñeceron a súa importancia no proceso.

Esta actividade de identificar os vermes foi posible analizando diferentes mostras de compost (en varios estados de maduración) que os monitores achegaron ata o centro. Alí, os nenos e nenas puideron estudar facilmente os distintos tipos de vermes coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os bichos-, e observándoos con material de aumento e chaves dicotómicas. No día de mañá será a quenda dos seguintes grupos do centro (Primaria e ESO), que tamén aprenderán que esta fauna invertebrada é fundamental para que se desenvolva a compostaxe.

Ata o de agora xa participaron en obradoiros de compostaxe da Deputación 44 alumnas e alumnos do primeiro ciclo de Primaria do CPI, que realizaron diferentes xogos sobre residuos no mes de xaneiro. O que máis éxito tivo foi o ‘Xogo da miñoca’, unha variación do xogo da oca na que, formando equipos, resolveron probas e preguntas sobre compostaxe (que tipo de elementos se poden botar na composteira, como é o proceso, ou cales son os traballos que se deben facer para ter un bo compost). Polo medio da proba os escolares pasaron algúns contratempos ao caer nas casiñas relacionadas con accións irreparables para a compostaxe. Houbo tamén unha exposición didáctica itinerante que se colocou nos espazos comúns do centro escolar na que se explicaron os principais conceptos.

A próxima actividade chegará os días 18 e 19 de abril, cando os alumnos e alumnas da ESO sairán do centro para coñecer ‘in situ’ un dos composteiros comunitarios ubicados no concello de Vilaboa dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Os monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) co que a Deputación está a realizar os obradoiros –grazas a un convenio- pretenden concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

A Deputación, de feito, está a traballar no no Plan Revitaliza potenciando a compostaxe como sistema de xestión alternativo para o lixo orgánico. Ata o de agora repartíronse composteiros comunitarios entre varios concellos de xeito demostrativo que están a funcionar con éxito. En breve empezarán a instalarse outros grazas nos concellos adheridos á segunda fase do Plan. Esta cambiará a contenerización actual do lixo e posibilitará que, de forma sistemática, todos os orgánicos vaian ao composteiro e o resto ao colector amarelo de envases, ao azul de papel e ao verde de vidro, eliminando así o colector verde.

Deja un comentario