+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020

Atracón de asistencias técnicas para disimular o baleiro de actividade na Concellería de Bará


Os populares desvelan o encargo repentino de cinco asistencias técnicas para elaborar proxectos que tapen a parálise na que está sumida a área de Luis Bará

“No Concello de Pontevedra existe un caos organizativo porque o BNG de Lores non sabe nin planificar ni programar”. Así o denunciou este xoves o portavoz popular, Jacobo Moreira, tras desvelar que o Goberno local encargou repentinamente ata cinco asistencias técnicas para o desenvolvemento de proxectos que axuden a tapar a parálise na que está sumida a área de Luis Bará.
“Non existe planificación nin xestión. O Goberno de Lores traballa a salto de mata, perdeu dous anos e agora éntralles a présa para poder ter algo que xustifique estes catro anos de mandato”, destacou o edil popular en rolda de prensa.
Cinco asistencias técnicas por valor de máis de 100.000 euros que corresponde a proxectos para a zona de O Gorgullón (21.408€), a rúa Virxe do Camiño (21.226€), a rúa Cruz Vermella (20.449€), a rúa Loureiro Crespo (21.634€) e para a parroquia de Tomeza (21.707€) e que poderían facer perfectamente os técnicos municipais, “que son moi bos e que só necesitan un pouco de planificación e orde dende o Goberno para facer correctamente o seu traballo”, sinalou Jacobo Moreira. “Estes cinco proxectos encargados ao unísono non é a mellor forma de gobernar. Colapsarán novamente os servizos municipais cando estean rematados, toda vez que deberán pasar por Contratación, Intervención ou Secretaría”, puntualizou Jacobo Moreira.
“Ata o de agora o BNG veu suplindo as súas carencias gracias aos proxectos que as administracións gobernadas polo Partido Popular están a levar a cabo en Pontevedra, pero déronse conta que a evidencia da súa parálise calou nos veciños de Pontevedra”, sinalou o edil popular, “o Alcalde neste mandato non conta con Mosquera, centrando na Deputación e no Compostaxe, e puxo a Bará a facer campaña nas eleccións nacionais e logo nas autonómicas, polo que agora estanse a ver os resultados de deixar nun segundo plano a xestión do Concello de Pontevedra”, engadiu.
Finalmente, o portavoz dos populares, apuntou que o Goberno de BNG debe ter unha folla de ruta clara para os dous anos de mandato que restan.

Deja un comentario