+034 986 09 02 04 Martes 22 de Setembro de 2020

Un novo informe da Policía Local alerta do perigo para os peóns na estrada Puxeiros-Peinador


O Concello de Mos reitera a reclamación á Deputación de que subsane as deficiencias no pintado da sinalización horizontal do vial
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, denunciou hoxe a deixadez da Deputación de Pontevedra respecto dos viais provinciais ó seu paso pola localidade mosense, especialmente fixo referencia ás deficiencias na silalización horizontal (pintado) na estrada Puxeiros-Peinador, onde se produciu un atropelo grave o 3 maio do ano pasado nun paso de peóns despintado.
A rexedora local mosense destacou neste sentido que dende a Alcaldía e durante o último ano remitíronse á Deputación máis de 30 escritos advertindo das deficiencias no mantemento e limpeza dos viais provinciais respaldados por un informe técnico municipal.
En abril do ano pasado enviouse á administración provincial a primeira reclamación do paso de peóns en Puxeiros, e en maio houbo que lamentar o atropelo no que foi ferida de gravidade unha muller. Lamenta tamén Arévalo que a este respecto pediu unha entrevista coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, na que, cando por fin foi concedida, esta foi substituída polo deputado David Regades e ela nin sequera se presentou, nin por suposto desculpou a súa ausencia. Así mesmo tamén está pedida dende febreiro de 2016 unha reunión co responsable provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, pola que a alcaldesa de Mos sigue esperando; e mentres, a gravidade da situación increméntase tal e como certifica o segundo informe emitido pola Policía Local de Mos sobre o mal estado do pintado da sinalización horizontal na Avenida de Peinador. No último informe policial plásmase literalmente “que na Avda. de Peinador á altura do núm. 2 hai un paso de peóns regulado por semáforos, pintado de forma moi borrosa. Que debido á proximidade do citado paso de peóns coa rotonda da Avda. de Puxeiros, sería conveniente que se eliminase o semáforo, xa que cando hai moito tráfico bloquea a mesma. Tamén sucede que cando se produce un sinistro na rotonda, ao regular o tráfico os Axentes, os vehículos detéñense no semáforo en vermello, non podendo axilizar a circulación, xa que o número de Policías é limitado e non pode poñerse ninguén regulando o mesmo. Con todo é importante o paso de peóns nesa zona debido á cantidade de tráfico que soporta esa vía e a afluencia de peóns na zona. Desde o punto de vista dos Axentes o ideal sería un paso de peóns sobreelevado debidamente pintado, co cal obriga aos vehículos a minorar a velocidade garantindo así a seguridade dos viandantes e axilizando o tráfico rodado cando non hai peóns. Tamén á altura do núm 39 da mesma avda. hai outro paso de peóns pintado de forma borrosa, co cal sería moi importante que ambos os pasos de peóns estean debidamente pintados e sinalizados debido á afluencia de viandantes e tráfico denso na Avda. de Peinador (EP.2603), onde os peóns póñense en grave perigo cada vez que cruzan a citada estrada, sobre todo á altura do núm.2”.
O anterior informe da Policía Local, remitido á Deputación de Pontevedra o 4 de maio de 2016 acreditaba tamén o mal estado dos pasos de peóns nesta estrada provincial. En base a dito informe dende o Concello achacábaselle a causa do sinistro ó estado de dito paso que, tal e como constaba literalmente no informe policial, “produciuse un atropelo nun paso de peóns da EP2603 con lesións graves para a atropelada sendo trasladada nunha ambulancia UVI móvil con pronóstico grave. No lugar, o condutor do turismo declara non terse percatado do paso de peóns pois prácticamente é invisible, non se ven as marcas viais. Por parte do axente firmante e doutros compañeiros da Policía Local de Mos son diversas as reclamacións recibidas dos usuarios desta vía, pois nos pasos de peóns non se aprecia onde están as marcas viais dos mesmos. Polo exposto solicítase se tomen as medidas necesarias para solucionar o problema do pintado, para non ter que lamentar novas desgracias”.
A este respecto a rexedora local mosense declarou que “esperamos que nesta ocasión sí se fagan eco desta petición de importancia vital dende a Deputación de Pontevedra, de cuxa titularidade é esta estrada, da que xa lles urxíramos en numerosas ocasións o pintado deste paso de peóns en Puxeiros que lamentablemente aínda non se pintou para que non teñamos que ser testemuñas doutro desafortunado atropelo”. E Nidia Arévalo declarou tamén que “polo menos se dignen a contestarnos dende a Deputación, xa que polo de agora seguimos sen obter ningún tipo de resposta aos nosos máis de 30 escritos”.
Cómpre lembrar que o Concello de Mos incluso se aprobou en Pleno da Corporación Municipal unha moción na que se instaba á Deputación a solventar as deficiencias dos viais provinciais. E de entre esas deficiencias un dos aspectos que máis urxe é a renovación do pintado de pasos de peóns na estrada Puxeiros-Peinador, dada a case nula visibilidade dos actuáis, constituíndo un perigo polo intenso tráfico da vía e o importante número de persoas que a diario transitan polas inmediacións, onde se atopan a Axencia de Colocación, así coma numerosos negocios de hostalería, entidades bancarias, oficina de Correos, talleres, etc.

Deja un comentario