+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación impulsa a reforma da estrada de San Vicente do Grove para mellorar a mobilidade peonil


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez confirmou ao alcalde que o proxecto está finalizado e xa foi remitido a Patrimonio

O inicio das obras dependerá do informe da Xunta e de que o concello acade as cesións necesarias
A Deputación de Pontevedra ten xa redactado o proxecto de mellora da estrada de San Vicente do Grove que leva á igrexa e ás praias. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a proposta de actuación para a EP-9106 xa foi remitida ao departamento de Patrimonio, polo que o inicio das obras dependerá do informe autonómico e das cesións necesarias.
“Dende a Deputación axilizamos este proxecto porque hai un problema manifesto de seguranza viaria para os peóns que se agrava durante a tempada de verán, cando a poboación do núcleo de San Vicente, cuns 2.000 veciños e veciñas, aumenta polo turismo de forma significativa”, explicou.
A solución, segundo dixo o deputado, foxe totalmente do carácter urbano que suporía a instalación de beirarrúas, mais permitirá garantir unha mellor mobilidade peonil e seguranza viaria a través de actuacións singulares e específicas para cada treito da estrada. Respectaranse as particularidades e o patrimonio existente con propostas técnicas acaídas para permitir unha correcta convivencia entre vehículos e persoas engadindo elementos de calmado do tráfico.
Benítez fixo o anuncio da obra nunha reunión mantida esta semana co alcalde do Grove, José Cacabelos, a quen explicou que nas próximas semanas se cuantificará o custe da actuación e se concretará a fórmula de colaboración entre a Deputación e o Concello. Hai que lembrar que esta obra foi unha das primeiras peticións que se fixo á institución provincial por parte do rexedor meco. Nos vindeiros días o proxecto enviarase ao goberno local, que é o responsable de conseguir as censións de terreos para ampliar a sección da estrada en zonas puntuais.
Dende o departamento de Mobilidade da Deputación xa se remitiu o proxecto ao departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia para que realice o informe preceptivo, dado que afecta a un conxunto arquitectónico catalogado (o da igrexa de San Vicente), a bens etnógráficos (hórreos e cruceiros) e a bens arqueolóxicos (Adro Vello). Tamén se solicitaron informes a Costas e a Augas de Galicia.
O inicio das obras, segundo indicou Benítez, prevese para despois do verán se todos os trámites se cumplen sen complicacións. En calquera caso, se os terreos están a disposición e o único que queda por chegar é o visto bo de Patrimonio, o deputado provincial indicou que os técnicos provinciais valorarían a posibilidade de executar o proxecto en dúas fases, actuando no primeiro treito e deixando a zona de afección da igrexa para unha data posterior.
Pola súa banda, o alcalde asegurou que a reunión co deputado de Mobilidade foi “satisfactoria”. “Revisamos a proposta de actuación de seguridade viaria do tramo que une o centro de San Vicente coa igrexa. Dende a Deputación presentáronnos unhas variacións que abarcan a zona de entrada a esta que cremos van satisfacer aos veciños. Agora imos revisar ben o proxecto, aínda que estamos de acordo con el , e queremos falar e explicalo aos veciños para que finalmente as obras poidan comezar despois do verán. Agardamos que esta demanda poida facerse realidade e a veciñanza de San Vicente poida transitar por este viario coa maior seguridade posible”, subliñou Cacabelos.

Deja un comentario