+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

Detido un mozo en Porriño acusado de intentar asasinar a súa exparella


Un discreto dispositivo da Policía Local de Porriño e a Garda Civil desembocou en detención deste mozo cando, presuntamente, se dispoñía a rematar coa vida da súa exparella para posteriormente suicidarse

Un mozo tudense, de 29 anos de idade, foi detido onte por axentes da Policía Local de Porriño e Garda Civil nun dispositivo conxunto cando, presuntamente, se dispoñía a rematar coa vida da súa exparella para posteriormente suicidarse.

Os feitos comezaban cando, arredor das 16:30 horas, a Garda Civil recibe a chamada dunha muller que alertaba sobre un posible caso de ameazas de morte por parte da súa exparella que se dirixiría ao seu domicilio armado.

Un operativo formado pola Policía Local de Porriño e a Garda Civil, desprázase ao domicilio da alertante e suposta vítima, que aseguraba encontrarse atemorizada e convencida de que o suposto agresor cumpriría as ameazas proferidas, xa que este tería adquirido unha escopeta e esa tarde, planeaba a rematar coa súa vida para posteriormente, suicidarse.
Dende o domicilio da vítima os axentes observan unha persoa que coincide coa descrición do presunto autor, encontrándose a escasos 100 metros do domicilio.

Tras acordoar a zona para evitar a fuga do presunto agresor e montar un dispositivo de protección á vítima custodiando o domicilio onde esta se encontraba, dous axentes da Policía Local, apoiados por un axente da Garda Civil, proceden a achegarse ao individuo que se encontraba apoiado nun muro próximo a unha céntrica marquesiña de autobús. Unha vez alí poden constatar que se trata de P.J.F.V e proceden á súa detención, ao mesmo tempo que se lle intervén unha escopeta automática de calibre 12/70 que portaba enfundada nun macuto militar.

A arma encontrábase municionada, preparada para disparar en canto a vítima saíse do seu domicilio á hora habitual.

O detido foi posto a disposición xudicial acusado dun presunto Delito de Asasinato en Grao de Tentativa e outro de Tenza ilícita de armas.

Deja un comentario