+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

A Asociacion Cultural O Torreiro de Forzans entrega unhas 4 toneladas de alimentos non perecedeiros ao Comedor Social de San Francisco de Pontevedra


A campaña de recollida de donativos lévase a cabo en lugares e parroquias dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes

 

Membros da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, acompañados polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, fixeron entrega duns 4.000 quilos de alimentos ao Comedor Social de San Francisco de Pontevedra dentro da súa tradicional campaña de recollida de doativos que se remonta a unha década no tempo e na que participan veciños desta parroquia e outras limítrofes dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes.

Á súa chegada foron recibidos con emoción polo padre prior, Gonzalo Diéguez, e varios voluntarios que botaban en falla a chegada do cargamento de Forzáns que, nesta ocasión, se retrasou de febreiro a marzo porque o coordinador da recollida, Francisco Lira, foi sometido a unha recente intervención cirúrxica da que está xa prácticamente recuperado.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, respaldou coa súa presenza institucional este acto de solidaridade dunha asociación como a de Forzáns que se distingue pola súa capacidade organizativa e dinamizadora do tecido asociativo pontecaldelán. Díaz felicitou aos membros da Cultural de Forzáns pola súa iniciativa e salientou tamén o carácter solidario dos veciños de Ponte Caldelas a través de accións como esta e tamén destacou a colaboración que o Concello mantén cos proxectos de Cáritas, como o horto ecolóxico e o invernadoiro que puxeron en marcha, así como festivais organizados por escolas de zumba, Os Coribantes de Buchabade, coa súa Operación Quilo, etc.

Atendendo ás necesidades do Comedor Social de San Francisco e seguindo as indicacións do seu rector, Gonzalo Diéguez, procedeuse a destinar parte da recadación económica, que se fai de xeito voluntario entre os veciños desta humilide parroquia durante todo o ano, a través dunha cota autoimposta por un grupo solidario, así como pola recollida puntual en Nadal de doativos aproveitando as celebracións que organización a Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns no Centro Cultural, a adquirir alimentos menos accesibles ás doazóns, pero imprescidibles para alimentar correctamente aos usuarios do Comedor Social de San Francisco de Pontevedra como litros de aceite de oliva e girasol, barras de fiambre como chourizo, xamón iorque, salchichón, mortadela e queixo.

Esta é a décima edición da Operación Quilo que se realiza e, en palabras do Padre Prior Superior da Orde Franciscana “son un exemplo de xenerosidade posto que está feita desde o corazón e por persoas moi humildes que queren axudar aos seus semellantes en situación moi difícil e complicada”.

A preguntas dos xornalistas presentes na entrega de alimentos, o Prior sinalou que esta Asociación é a única entidade veciñal destas características que fai unha doazón similar “sin que a súa axuda falte un ano desde que estou eu aquí de administrador deste Comedor Social. Este ano xa os botabamos en falla, pero xa nos explicaron que o retraso dun mes foi pola recente operación á que foi sometido o coordinador desta iniciativa que non quería faltar á cita con nós”, sinalou Diéguez.

En canto ás persoas que se beneficiarán destes alimentos o Prior manifestou que “serán todas aquelas persoas que se achegan á nosa mesa. Nós non lle requerimos nada, nin carné de identidade, nin ningunha outra cousa. Tódalas persoas que o demanden son dignas de sentarse na nosa mesa. Por desgraza son cada vez máis persoas ás que acuden a nós. Servimos entre 130 e 150 comidas diarias.”, sinalou o Prior.

Deja un comentario