+034 986 09 02 04 Domingo 25 de Outubro de 2020

Soutomaior xa ten Plan Xeral de Urbanismo


O Alcalde, Agustín Reguera, recibiu esta mañá a aprobación definitiva de mans da Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato
O Concello de Soutomaior xa ten a aprobación definitiva do seu Plan Xeral de Urbanismo Municipal. A Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, entregou esta mañá o documento coa confirmación oficial ao alcalde, Agustín Reguera, durante un acto realizado na Casa do Concello.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, recibiu de mans da Conselleira a aprobación definitiva do Plan Xeral de Urbanismo Municipal en que cualificou como, “Un avance enorme para o concello que dará unha gran seguridade xurídica a todos os nosos vecinos”, referíndose ao feito de que o urbanismo local rexíase por unhas normas subsidiarias do ano 1989. Ademais, destacou o feito de que este é a primeiro PXOM que se aproba na comarca, “o que confirma a calidade deste goberno e a fiabilidade da súa xestión”, finalizou.
Pola súa banda, a Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, expresou que este documento marcará un “antes e un despois para o Concello pola súa importancia para o desenvolvemento urbanístico, ambiental e social do municipio”, polo que felicitou ao alcalde e ao Concello de Soutomaior pola súa iniciativa para sacar adiante un documento que definiu como “clave para o futuro”.
Exposición pública e alegacións
Durante o encontro, o alcalde destacou o gran traballo do equipo redactor e dos técnicos municipais durante todo o proceso de exposición pública e elaboración,” integrando as suxestións presentadas polos veciños, sempre en compatibilidade coa lexislación vixente e o modelo de municipio”, afirmou o edil, que engadiu que durante o proceso de exposición pública rexistráronse “máis de 5000 visitas á web municipal? que contiña o plan. Ademais, Reguera afirmou que ?foi un proceso transparente de principio a fin. Ata ampliamos os prazos de exposición pública marcados pola lei, que son dous meses e nós ampliamos a tres para que todos os veciños tivesen tempo suficiente para informarse”.
Para finalizar, o alcalde destacou o gran traballo do equipo redactor e dos técnicos municipais durante todo o proceso. En total presentáronse 527 alegacións procedentes de 338 veciños, resolvéndose favorablemente o 53% delas. Con todo, Reguera afirmou que “o número de alegacións é moi inferior ao doutros municipios, e máis da metade foron aceptadas. Iso dá mostra do gran traballo que fixeron os nosos técnicos aconsellando aos veciños e explicándolles ao detalle como lles influía é plan”.
Proxección ata 2027
O horizonte de validez deste plan está marcado no ano 2027. Neste sentido, e en consonancia co constante aumento poboacional do municipio, o PXOM contempla a ampliación de diversas zonas residenciais, de servizos e de recreo. Segundo as estimacións do IGE, o número de vivendas construídas no municipio hoxe en día ascende aproximadamente a 3600, mentres que as previsións contemplan que para albergar a poboación estimada en 2027 serían necesarias 4757, 1157 vivendas máis que as construídas actualmente.
Con respecto ás zonas verdes, o novo plan contempla unha ampliación de case o 20% con respecto á superficie total dispoñible na actualidade. Coa entrada da novo PXOM, pasaranse dos 150.000 metros cadrados a 183.000, unha cifra máis que suficiente se se observa que os informes da Xunta de Galicia marcan como necesaria unha superficie de 142.000 metros cadrados para a poboación estimada en 2027.
Neste sentido, o plan tamén contempla a creación de varias zonas de protección paisaxística, como a enseada de San Simón, o Castelo de Soutomaior, o monte da Peneda ou o “antigo vertedoiro”.
Por último, as zonas de equipamento e servizos tamén verán aumentada a súa superficie para adaptarse o crecemento do municipio. O novo plan inclúe un aumento de 28.000 metros cadrados nesta zona, pasando dos 149.000 actuais aos 177.000 que se necesitarán segundo as previsións.

Deja un comentario