+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019

Os mellores arqueiros galegos estarán en Pontevedra para participar no X Torneo de Nadal da Federación Galega


Están inscritos 112 deportistas que representan a un total de 22 clubs

A cidade de Pontevedra volve ser unha referencia deportiva esta semana coa celebración do X Trofeo de Nadal da Federación Galega de Tiro con Arco, competición na que colabora a Concellería de Deportes e que foi presentada hoxe no Concello.
O concelleiro Agustín Fernández subliñou que 112 arqueiros estarán en Pontevedra durante a fin de semana. Engadiu que este mesmo ano, xa se acolleu o Campionato Galego no Recinto Feiral (un espazo que mereceu grandes felicitacións polas súas extraordinarias condicións para este deporte) e o pasado verán celebramos, por primeira vez, o Campionato de España ao Aire Libre.
Na presentación estiveron presentes o presidente e vicepresidenta da Federación Galega, Alfredo Rubio e Mayte Doce. Con eles, a presidenta do club Teucro, Merchi Gulín. Todos eles destacaron a gran calidade das competicións que teñen como sede a cidade de Pontevedra.
O presidente explicou que os 112 arqueiros representarán a 22 clubs de toda Galicia, con maioría da provincia de Pontevedra con 8 clubs.
A competición celebrarase desta volta no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe en horario de mañá e tarde. Inclúe todas as categorías e divisións e este ano, por primeira vez, arco adaptado (está prevista a participación dun dos plusmarquistas nesta especialidade).
En horario de mañá competirán os deportistas de categoría absoluta nas divisións de Arco Desnudo e Tradicional (recurvo e long bow), xunto cos deportistas de categorías inferiores (esquío, benxamín, alevín e infantil) nas divisións de Arco Recurvo e Composto.
Pola tarde será a quenda das divisións de Arco Recuro e Composto nas categorías superiores (cadete, xuvenil, senior e veterano), así como os participantes na división de Arco Adaptado en categoría única.
Cada arqueiro lanzará a diana 60 frechas en dúas series de 30 e en quendas de tres frechas.

Deja un comentario