+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Pontegal contabiliza 1.436 artistas e grupos inscritos


Increméntanse en 100 as inscricións rexistradas con respecto ao pasado exercicio
A Xunta do Goberno provincial aprobará o vindeiro venres o catálogo de grupos acollidos ao Pontegal 2017, que nesta edición acadou as 1.436 inscricións, un cento máis que no pasado exercicio. Hai que lembrar que principal novidade na convocatoria deste ano atopábase no apartado de Teatro, no que se diferenciaron dúas categorías para compañías profesionais e unha terceira para grupos de teatro non profesionais. Tamén nesta convocatoria se incluíu unha categoría para ‘bandas de jazz’ e outra para ‘conferenciantes’, a esta última puideron acollerse persoas con titulación media e superior e que acreditaron publicacións sobre as temáticas nas que se inscribiron.
No catálogo do Pontegal 2017 o maior número de grupos inscritos corresponde a ‘masas corais’ que contabiliza un total de 188 inscricións, das cales 155 corresponden á clasificación “A”, formacións cun mínimo de 50 membros, e as 33 restantes á clasificación “B”, formacións cun mínimo de 30 membros. En segundo lugar en canto a número de inscricións, sitúanse as compañías de teatro con 152 compañías inscritas entre as tres modalidades, as dúas categorías de teatro profesional con 67 compañías inscritas, e a categoría de teatro non profesional con 85 inscricións. Séguelle a categoría “grupos de gaitas” con 150 inscricións, os “grupos folclóricos” con 145, o apartado “pandeireteiras” con 138, “grupos folk” con 101, bandas de música con 91, e grupos de “música clásica” con 79 inscricións.
Dinamización do galego
Todos o grupos, compañías e artistas cuxas inscricións foron aceptadas neste programa teñen a obriga de realizar as súas actuacións, conferencias e/ou audiovisuais obrigatoriamente en lingua galega. Esta obriga tamén debe ser atendida polos concellos e asociacións que soliciten as actuacións, conferencias e audiovisuais, que deben facer toda a cartelería, promoción, e difusión en idioma galego.
O uso do galego é un dos criterios básicos incluídos na adxudicación das actuacións, e que xa fora contemplado na pasada edición, atendendo a un dos acordos recollidos no pacto de goberno da institución provincial, que se fundamenta na promoción e defensa do uso do idioma tanto na propia institución como entre a cidadanía. Así, tanto artistas como concellos e asociacións están obrigados e obrigadas a realizar a publicidade en lingua galega, empregar unha linguaxe non sexista e introducir o logo do Pontegal de xeito visible. O non cumprimento destes requisitos é motivo de exclusión das axudas deste programa.
Pontegal 2017
Pontegal é o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos, compañías e artistas inscritos en dito programa. Cabe lembrar, que debido á alta demanda de actuacións no pasado exercicio, a partida orzamentaria tivera que ser incrementada ao longo do ano, polo que na edición de 2017 a partida de inicio xa ascende a 800.000 euros.

Deja un comentario