+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación mellorará a seguranza viaria do cruce da EP-7001 coa rúa Francisco Filgueira na entrada a Forcarei


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, que visitou a intersección coa alcaldesa, asegurou que o orzamento ascende a 68.995,16 euros

A Deputación de Pontevedra vai mellorar a intersección da EP-7001 coa rúa Francisco Filgueira na entrada ao núcleo urbano de Forcarei. Segundo explicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, quen visitou o lugar da actuación coa rexedora Belén Cachafeiro, “esta actuación foi unha das peticións prioritarias que manifestou a alcaldesa e que agora imos resolver, porque actuar nos puntos onde é precisa máis seguranza viaria na rede provincial é unha das nosas prioridades e eixos estratéxicos de actuación”.

O deputado indicou que actuación de Forcarei está integrada nun plan xeral de mellora de intersección nas vías provinciais no que están incluídas outras obras en concellos como Pazos de Borbén, Porriño, Salceda de Caselas ou Marín, entre outros. “As interseccións son puntos perigosos nos que hai riscos de accidentes e seguranza viaria. Nos vindeiros anos seguiremos abordándoas en función das problemáticas detectadas polos nosos técnicos e problemas que nos plantexen os concellos”, dixo.

No caso de Forcarei, segundo subliñou Benítez, a forma que ten actualmente a intersección coa outra vía existente -case en perpendicular- dificulta en grande medida o acceso á estrada provincial, sobre todo a vehículos de grandes dimensións. As obras proxectadas consistirán na ampliación do radio de xiro do cruce na entrada na rúa Francisco Filgueira dende o Norte, o que implica a creación dun carril de espera para o tráfico provinte do sur da EP-7001, a modificación da beirarrúa, a reposición dos servizos que discorren por debaixo da beirarrúa e a creación dun muro de sostemento de mampostería, xa que existe un grande desnivel entre o nivel da estrada e o terreo natural das fincas adxacentes.

Obras no verán
As obras teñen un orzamento de 68.995,16 euros, ao que haberá que engadir o custe das expropiacións necesarias. Segundo explicou Benítez, o proxecto aprobouse inicialmente o proxecto no pleno de novembro por unanimidade para iniciar o proceso de expropiación, que xa finalizou o proceso aberto de información pública. “Estamos na fase de resolución das alegacións. Queriamos que fose no mes de marzo, pero seguramente será no pleno de abril cando procederemos á aprobación definitiva. A nosa idea é adxudicar antes do verán para poder facer as obras durante o verán”, explicou.

A actuación comezarase coa limpeza e roza da zona de construción. Ademais, demolerase o tramo de beirarrúa da zona na que se vai colocar o novo carril e fresarase a parte do firme afectado. Executarase a cementación, un muro de mampostería e un recheo coidando de acadar unha boa compactación para evitar futuros ‘blandóns’ e afundimentos. Así mesmo, colocaranse novos servizos, todos eles conectados ás instalacións existentes de pluviais, abastecemento e alumeado público. En canto á iluminación, de feito, colocaranse a canalización necesaria para dar servizo a dúas novas luminarias de 10 m de altura con luminarias LED de 80 W que se van colocar na parte interior da nova curva.

No que atinxe á seguridade e sinalización, na entrada ao núcleo de Forcarei colocarase un paso de peóns sobreelevado (PPS) con todas as características propias dos instalados no plan Móvese e pintaranse as marcas viarias necesarias. Na zona sureste ampliarase a illeta pintada arredor da farola das luminarias e trasladarase o carril de baixada uns metros á dereita, eliminando as prazas de aparcamento do lado este para conseguir un cruce máis directo e seguro para os vehículos que baixan dende o cuarteo ou o cemiterio.

Pintados
Ademais de anunciar as obras da nova intersección, Benítez anunciou tamén a Cachafeiro o inminente pintado da totalidade da EP-7001 que une Forcarei coa Estrada (de 21,550 quilómetros de lonxitude) para mellorar a visibilidade da estrada, que se ve moi reducida en días de néboa. Por este motivo, así mesmo, estudiarase ademais a instalación dos coñecidos como ‘ollos de gato’, dispositivos reflectantes que delimitan as marxes das vías.

Por outra banda, tamén se confirmou que durante esta primavera se pintaran outras tres estradas provinciais no concello: a EP-7201 entre Cachafeiro-Silleda, a EP-7203 Soutelo-Covas, a EP-7204 Soutelo-Ratel. Estas tres vías suporán un total de 100 quilómetros de pintado e unha inversión de 40.943,886 euros.

A previsión é que estes pintados estean finalizados antes de que se inicie o verán.

Deja un comentario