+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

Nava Castro destaca en Nigrán que o novo decreto de vivendas de uso turístico outorgará garantías de calidade


A directora de Turismo de Galicia fixo estas declaracións nunha sesión formativa que tivo lugar no Club Náutico de Panxón e que contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Vigo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asegurou que o novo decreto autonómico que regulará o réxime das vivendas de uso turístico, ofrecerá a seguridade xurídica que demandan o sector hoteleiro, as administracións e os consumidores e usuarios. A responsable de Turismo da Xunta de Galicia fixo estas declaracións esta tarde nunha sesión formativa sobre a nova normativa que tivo lugar no Club Náutico de Panxón, en Nigrán e que contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Esta é unha das numerosas xornadas que Turismo de Galicia está a celebrar por toda a Comunidade galega co obxecto de facilitar o acceso á información, achegando directamente as explicacións oportunas a todos os cidadáns que poidan estar interesados na materia.

Durante a mesma, Nava Castro recordou que o Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, que establece a ordenación de apartamentos turísticos e vivendas turísticas e regula por vez primeira as vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia entrará en vigor o día 10 de maio.

Así mesmo, explicou que este novo tipo de aloxamento turístico poderá ser arrendado tanto por empresas como por particulares. Neste senso, incidiu en que a nova norma obriga ao rexistro público destas vivendas cando se aluguen por un período inferior a 30 días e un mínimo de dúas veces ao ano. “Para os demais supostos de aluguer, mantense como ata o de agora, a Lei estatal de Arrendamentos Urbanos”, afirmou.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que esta nova regulación fíxose necesaria debido a que proliferou a tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual, que se viu favorecida pola creación de páxinas web que ofertan este tipo de aloxamentos dun xeito rápido e sinxelo.

“Coa nova norma, a Xunta cumpre unha demanda do sector turístico, o cal manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de aloxamento, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón respecto do aloxamento turístico regrado”, sinalou Nava Castro. Ademais, engadiu, que servirá para dar garantías de calidade aos usuarios.

Deja un comentario