+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

Pedro Sánchez eloxia a Ponte Caldelas como exemplo do cambio tras 40 anos de goberno da Dereita


O acto de apoio ao precandidato do PSOE desborda todas as previsións e atrae a concelleiros e responsables orgánicos de toda a bisbarra

Ponte Caldelas foi escenario, durante o día de hoxe do primeiro acto protagonizado por Pedro Sánchez como precandidato ás Primarias do Partido Socialista. Nunha visita organizada polo alcalde, Andrés Díaz, superáronse todas as previsións e mesmo foi necesario recomendar ás numerosas persoas que chamaron a última hora que non se desprazaran por falta de capacidade no establecemento onde se organizou a comida de militantes e simpatizantes.
O alcalde, Andrés Díaz, recolleu a Sánchez en Peinador e, a continuación, trasladouno no seu coche ata o municipio, onde visitou a Casa do Concello e saudou aos traballadores municipais e aos concelleiros do PSdeG-PSOE e da formación independente, AVP. O Goberno caldelán está formado por unha coalición da que tamén forma parte o BNG.
A continuación celebrouse un paseo polo centro urbano, acompañados de numerosos simpatizantes para, finalmente, comer nun restaurante da localidade. Aínda que inicialmente estaba prevista a participación de 50 persoas foron 120 as que gozaron dun menú composto por merluza con ensalada, carne guisada, xeado e café. A un prezo de 15 euros que cada asistente pagou do seu peto.
Andrés Díaz agradeceu a presenza de concelleiros e cargos orgánicos de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Forcarei, Barro, Lalín e de moitos militantes chegados de diferentes concellos da provincia. O alcalde subliñou que en Ponte Caldelas foi posible recuperar a ilusión e derrotar ao PP despois de sucesivas maiorías absolutas. “A xente dicía que non habería que os sacara da Alcaldía e fixémolo”. “Agora a mesma xente di que Ponte Caldelas está de moda”, afirmou, antes de agradecer a colaboración de todas as forzas que sustentan a coalición de goberno caldelán.
Andrés Díaz concluíu que Pedro Sánchez encabeza a candidatura da militancia nas próximas Primarias socialistas, “porque representa a mesma ilusión que vai permitir recuperar o Goberno de España para os cidadáns”. O alcalde considera “absolutamente necesario” recuperar esa ilusión que hai algúns anos levaba aos votantes a participar nos procesos electorais, en contraste coa “resignación” coa que se reciben os sucesivos gobernos do PP.
Pedro Sánchez destacou que cando é posible derrotar ao PP nun municipio no que levaba gobernando 40 anos, como Ponte Caldelas, hai que tomar nota. “Os veciños vén que en dous anos hai un novo estilo, que se reduciu a débeda municipal case á metade, que se baixan taxas e impostos e que diante da porta do alcalde hai unha cola de xente á que se recibe, mentres que antes as portas estaban pechadas”.
O precandidato subliñou que o PSOE é un partido profundamente municipalista e no que a máxima autoridade debe descansar sempre sobre os militantes. Nunha breve intervención diante dos asistentes á comida-homenaxe recalcou que as Primarias non son un choque de trens, senón unha oportunidade para fortalecer ao PSOE e tamén unha ocasión para redefinilo, “porque se algo aprendín nos últimos tres anos é que debilitar ao secretario xeral é debilitar ao partido e iso non pode volver suceder”.
Sánchez recalcou que non pretende xirar ao Partido Socialista cara a esquerda, senón que o Partido Socialista volva ser a referencia da esquerda deste país. “Temos que conseguir que os votantes, especialmente a xente nova, nos vexa como a forza do cambio”. Ao mesmo tempo, engadiu hai que converter ao partido nunha organización do século XXI, en lugar da forza do século XX coa que agora é percibido.
Finalmente, referiuse á oportunidade perdida durante o pasado ano para constituír en España un goberno do cambio e destacou que o tempo demostrou que os que dicían que se pode gobernar dende o Parlamento estaban equivocados, “porque está moi claro que se goberna dende a Moncloa, como demostran os feitos de que a derrogación reforma laboral, a lei Wert ou o pacto de estado pola violencia de xénero aínda non chegaron”.

Deja un comentario