+034 986 09 02 04 Sábado 21 de Abril de 2018

O PP reclama ao Bipartito provincial que financie ao 100% as obras do Club de Piragüismo de Vilaboa


“Están en tempo de desconto, é preciso que o Bipartito se implique de unha vez por todas e de forma urxente para que o Club de Piragüismo non perda esta oportunidade”, sinala Ángel Moldes
O grupo provincial do Partido Popular pide ao Bipartito da Deputación e á súa presidenta que cumpra cos compromisos acadados durante a súa visita a Vilaboa –en outubro de 2015- e invista nas obras de remodelación das instalacións do Club de Piragüismo. O PP fará esta reclamación no próximo pleno provincial, no que defenderán unha moción para que a institución provincial financie o cen por cento das obras.

Así se comprometeu o voceiro do grupo provincial, Ángel Moldes, durante unha reunión con representantes do club, á que asistiron tamén concelleiros do PP local. Nela, explicaron que tras varios anos esperando a autorización de Costas para poder facer a remodelación do club, agora xa contan co permiso, pero hai unha data límite para executar o proxecto. Tras pedir un primeiro aprazamento, o prazo máximo para iniciar as obras é o mes de maio.

“Están en tempo de desconto, é preciso que o Bipartito se implique de unha vez por todas e de forma urxente para que o Club de Piragüismo non perda esta oportunidade e, con ela, teña que renunciar a unha das súas reivindicacións históricas”, sinala Ángel Moldes. O voceiro popular recorda, e así o recoñeceu o propio club, que o anterior Goberno provincial tiña un compromiso firme para financiar o total do investimento, e que si non se executou naquel momento foi, precisamente, porque estaban esperando a ter estes permisos de Costas.

“Agora a situación é diferente, os permisos xa están pero a financiación que lles ofrece este Bipartito é insuficiente e o Concello de Vilaboa non aporta nada”, critica o voceiro popular. Así, sinala que dos 370.000 euros aos que ascende o proxecto, Carmela Silva asinou un convenio de libre disposición por importe de 150.000 euros, o que supón o 40% do investimento total.

Ángel Moldes recorda que o Goberno provincial acaba de aprobar unha modificación orzamentaria na que se reservan partidas para libre disposición, polo que anima a Carmela Silva “a cumprir os seus compromisos e facilitar que o club de Vilaboa conte coas instalacións deportivas que merece, como así o ten demostrado coa súa traxectoria”.

Ademais, critica que “durante a súa visita a Vilaboa en 2015 aproveitou para mentir e manipular ao Club de Piragüismo sobre os compromisos do anterior goberno provincial, pero agora, ano e medio despois, a que está incumprindo é ela”.

O proxecto de remodelación permitiría dotar ao Club de Piragüismo de unhas instalacións accesibles, con ximnasio, almacén e vestiarios. Desde o club recordan que, como estaba comprometido este investimento, renunciaron a outras axudas, como por exemplo, 15.000 euros para reformas menores, ou 10.000 euros para mellora do camiño de acceso. “Foron responsables, non tiña sentido investir nunha instalación que ía ser completamente reformada, pero agora atópanse con que non fixeron esas pequenas melloras, e están a punto de perder a última oportunidade para dispoñer de unhas instalacións de calidade”.

Deja un comentario